O delegado da Xunta e o director xeral de Comercio e Consumo presentaron este novo espazo que contará con dúas persoas para atención presencial e telefónica
Este novo servizo ponse en marcha coincidindo co Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras que promove a difusión dos dereitos fundamentais dos consumidores
No acto tamén se fixeron públicos os datos de balance da actividade do Instituto Galego de Consumo e da Competencia no ano 2022, que atendeu en Galicia a 44.532 consultas de persoas consumidoras, fronte ás 40.047 do ano pasado, o que supuxo un incremento do 11%, mentres que as reclamacións ascenderon a 23.210, un 15% máis
A Coruña, 15 de Marzo de 2023.-

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo a Manuel Heredia Pérez, e a  xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, presentou o novo espazo destinado á información ao consumidor que se abriu hoxe no hall do edificio do edificio da Xunta en Monelos. Este novo servizo de atención ao público contará con dúas persoas de atención directa ao público en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, no que se garantirá a atención presencial, telemática e teléfonica con ou sen cita previa.

Trenor lembrou que dentro das funcións do Instituto Galego do Consumo e da Competencia está a de informar ás persoas consumidoras e usuarias sobre os seus dereitos, para que poidan facelos valer nas súas reclamacións fronte ás empresas. Esta función considérase esencial xa que con ela conséguese unha maior transparencia nas relacións comerciais evitando, en moitos casos, conflitos innecesarios. Por iso, apuntou, “este servizo que agora facemos máis accesible e próximo á cidadanía servirá para atender e protexer dun xeito directo os dereitos dos consumidores”.

O delegado da Xunta apuntou que esta novo servizo se pon en marcha coincidindo co  Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras que promove a difusión dos dereitos fundamentais que asisten aos consumidores de todo o mundo. No acto tamén fixo balance da actividade do Instituto Galego do Consumo e da Competencia no ano 2022, que atendeu a en Galicia 44.532 consultas de persoas consumidoras, fronte ás 40.047 do ano pasado, o que supuxo un incremento do 11%, mentres que as reclamacións ascenderon a 23.210, un 15% máis. Os sectores que máis reclamacións recibiron foron o de enerxía (38.21% do total), seguido de telecomunicacións (23,93%) e turismo e ocio (5,77%).

Na provincia da Coruña, que conta con oficinas do IGCC na Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, atendéronse en 2021 un total de 28.566 consultas e 8.410 reclamacións, o que supón un incremento do 10% e do 8% respectivamente.

 

Grazas ao labor da inspección de Consumo e do Laboratorio de Consumo de Galicia, situado na cidade da Coruña, a Comunidade é líder na vixilancia e control do mercado. No ano 2022 leváronse a cabo diversas campañas que permitiron comunicar á rede de alerta nacional de produtos non alimenticios un total de 116 produtos. Ademais, a través da Escola Galega de Consumo, no ano 2022 organizáronse actividades nas que participaron máis de 29.000 persoas.

 

Santiago de Compostela

O Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, que se celebra cada ano o 15 de marzo, foi instaurado en 1983 por Nacións Unidas. Para conmemorar esta data a Administración autonómica celebra hoxe o Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras con accións divulgativas e de formación nas principais cidades galegas. O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou este mediodía no mercado de abastos de Santiago de Compostela un dos puntos de información localizados hoxe en rúas e prazas das cidades galegas, nos que se convida á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a Administración autonómica pon ao seu dispor no ámbito da información, a formación e o asesoramento, así como na resolución de conflitos. 

 

O IGCC conta con oficinas nas sete principais cidades galegas e co teléfono gratuíto 900 23 11 23. Ademais, a través da web consumo.xunta.gal, as persoas consumidoras poden informarse e tramitar en liña as súas reclamacións.

Temática:
Outros