A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe na Coruña o Laboratorio de Consumo de Galicia, onde se están a analizar diferentes mostras para comprobar que os artigos que están á venda non presentan riscos
Galicia é a Comunidade que máis produtos perigosos detecta cada ano grazas á intensa labor de investigación que desenvolve
Das alertas notificadas en 2018, 21 correspondéronse con disfraces e 18 con xoguetes, xa que se presta especial atención a aqueles produtos destinados aos consumidores máis vulnerables
Ademais do labor de control do mercado, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) traballa na defensa dos consumidores a través da información e o asesoramento e a resolución de conflitos
 O ano pasado Consumo tramitou 18.167 reclamacións, un 3,8% máis que no 2017, e emitíronse 3.479 laudos arbitrais, un 27,9% máis que o ano anterior
Santiago de Compostela, 14 de Febreiro de 2019.-

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe o Laboratorio de Consumo de Galicia, situado na Coruña, onde está en marcha un ano máis a campaña específica de control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e complementos como barbas e perrucas, cuxa venda se intensifica durante a tempada de entroido.

Tal e como explicou a directora xeral, nas últimas semanas o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) intensificou as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio de Consumo de Galicia. A iniciativa presta especial atención aos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar unha primeira partida de vinte mostras.

Sempre que se detecta que algún destes produtos presenta riscos, tal e como explicou a directora do Laboratorio, Natalia Crespo, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

Galicia é a Comunidade que máis produtos perigosos detecta cada ano grazas á intensa labor de investigación que desenvolve. No 2018, o IGCC foi a autoridade de Consumo que máis produtos perigosos notificou á Rede de Alerta, cun total de 98, aos que hai que sumar dúas alertas notificadas directamente polos produtores.

Así, o IGCC logra atopar 1 de cada 4 produtos inseguros detectados en España por actuacións de control de mercado. Para lograr estas cifras, analizáronse preto de 10.000 parámetros en 520 mostras de produto. Das alertas notificadas o ano pasado por Galicia, 21 correspóndense con disfraces e 18 con xoguetes. Ademais, 8 foron artigos de puericultura. Isto débese a que se presta especial atención aos artigos destinados aos consumidores máis vulnerables.

Recomendacións

Desde o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que ademais das actuacións da Inspección de Consumo e do Laboratorio tamén se ofrecen actividades nas que se dan a coñecer os principais riscos nos disfraces, complementos e artigos de entroido, lémbrase que os disfraces para menores de 14 anos teñen a consideración de xoguetes a efectos de consumo, e recomendan ler detidamente as instrucións de uso e advertencias de risco na etiquetaxe. Entre outros aspectos, débese comprobar que os artigos dispoñen do marcado CE e se teñen a recomendación de idade. Cómpre ter coidado coas pezas pequenas fáciles de tragar, e co tamaño dos cordóns, polo risco de asfixia, así como cos orificios de ventilación das máscaras e cos materiais inflamables ou cortantes. Ademais, con respecto á maquillaxe, é preciso revisar os ingredientes e a data de caducidade.

Defensa dos dereitos do consumidor

Tal e como explicou Sol Vázquez Abeal, o Laboratorio de Consumo de Galicia é unha das pezas fundamentais do traballo na defensa do consumidor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que ademais de no control do mercado, traballa na información e o asesoramento, así como na resolución dos conflitos.

O ano pasado, Consumo tramitou 18.167 reclamacións dos consumidores, un 3,8% máis que no 2017, e emitíronse 3.479 laudos arbitrais, un 27,9% máis que o ano anterior. Un 72% destes laudos recolleron total ou parcialmente as demandas dos consumidores. Ademais, na Escola Galega de Consumo realizáronse máis de 600 actividades, nas que participaron preto de 20.000 persoas. 

 

 

Temática:
ProdutosTéxtil calzado e complementos
ProdutosXoguetes