Desenvólvense a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e o prazo para inscribirse remata o 16 de outubro
Os dous teñen como temática principal o consumo responsable e establécense diferentes premios para os proxectos gañadores.
Ofrécese formación inicial para os/as docentes dos centros participantes.
Santiago de Compostela, 11 de Outubro de 2019.-

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (dentro do Plan Proxecta), anima aos centros educativos galegos a participar nos programas educativos Consumópolis 15 e Galicons-net.

 

            Consumópolis 15 é un programa educativo que ten como obxectivo a realización dun proxecto que permita reflexionar de xeito consciente, crítico e solidario, sobre distintos aspectos do consumo responsable mediante a participación nun xogo pedagóxico virtual e nun concurso escolar a nivel estatal e autonómico. A temática deste curso é: "Os teus actos de consumo poden cambiar o mundo, como o farías ti?". Establécense tres categorías de participación:

 

―Categoría A: alumnado do 5º e 6º curso de educación primaria.

―Categoría B: alumnado do 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.

―Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria.

 

            Os traballos realizados poderán participar en dúas convocatorias de premios:

 

            ―Convocatoria autonómica: concederanse tres premios en metálico de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.

 

            ―Convocatoria estatal: os primeiros clasificados na convocatoria autonómica representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na convocatoria estatal, cuxos premios consistirán nun ordenador portátil ou tableta para cada un dos/as cinco concursantes e a/o docente que coordinase o equipo gañador. Ademais, recibirán un diploma acreditativo como gañadores. Os centros aos que pertenzan os equipos gañadores recibirán un premio en metálico de 2.000 euros e un diploma acreditativo.

            Por outra banda, Galicons-net é un programa educativo que ten como obxectivo a realización dun proxecto de innovación educativa en materia de consumo responsable coa finalidade de potenciar a educación para o consumo responsable nos centros de ensino, así como motivar un traballo activo e colaborativo de alumnado e profesorado.

 

            Concederanse catro premios en metálico de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das seguintes categorías de participación:

 

―Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.

―Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria.

―Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio de formación profesional e de educación de persoas adultas.

―Categoría D: alumnado de educación especial.

 

 

            Con tal finalidade ofrécese no mes de novembro unha formación inicial para coñecer e compartir ferramentas metodolóxicas necesarias para o desenvolvemento dos proxectos, tanto de Consumópolis como de Galicons-net.

            O prazo para inscribirse en calquera dos dous programas atópase aberto e remata o vindeiro 16 de outubro: https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta

 

            Para obter máis información ou formular calquera consulta ao respecto, pódese contactar coa Escola Galega do Consumo nos seus teléfonos 881 999091 e 881 999075 ou a través do correo electrónico: igc.escuela@xunta.es

 

Temática:
Outros