A Xunta avanza na colaboración cos centros educativos para trasladar á mocidade a normativa e os dereitos en materia de consumo
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, acompañou hoxe ao alumnado de formación profesional superior de administración do IES Fernando Wirtz da Coruña, que se achegou aos servizos centrais deste organismo autonómico para coñecer de primeira man o seu funcionamento e as súas competencias, así como a normativa e os dereitos que asisten ás persoas consumidoras e usuarias.
A visita de hoxe enmárcase no programa da Escola Galega de Consumo, que se encarga de coordinar as actividades divulgativas nesta materia coa finalidade de impulsar e desenvolver a educación e a formación das persoas consumidoras galegas, chegando anualmente a máis de 20.000 persoas.
Neste marco, contempla a colaboración cos diferentes centros educativos para prestar especial atención á mocidade.