A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez Abeal, salienta que máis do 65% das reclamacións relacionadas coa enerxía eléctrica presentadas o ano pasado se resolveron xa de xeito favorable para o consumidor.
A Consellería de Economía e Industria ten en marcha a campaña "Dálle luz á túa factura", que inclúe actuacións de información, formación e divulgación para facer máis comprensible o recibo da luz e fomentar o aforro enerxético.
A web do IGC conta cun simulador eléctrico que permite aos usuarios obter información sobre os elementos da factura e adaptala á mellor solución posible para o seu caso concreto.
Santiago, 14 de Marzo de 2014.-

A Consellería de Economía e Industria centrou hoxe os actos con motivo do Día Mundial dos Consumidores na protección efectiva dos seus dereitos no eido da tarificación eléctrica, coa celebración dunha xornada da campaña Dálle luz á túa factura, que ten por obxectivo facer máis comprensible o recibo eléctrico resolvendo as dúbidas do consumidor ao tempo que se fomenta o aforro de enerxía.

Na apertura do encontro, a directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez Abeal, salientou que no 2013 o IGC tramitou máis de 3.400 reclamacións no eido da enerxía eléctrica, das cales máis do 65% xa foron resoltas de xeito favorable para o consumidor. Segundo dixo, estes datos non só deixan de manifesto a necesidade dunha campaña de sensibilización e divulgación entre os consumidores galegos neste eido, senón tamén o importante traballo que desenvolve o IGC na resolución extraxudicial de conflitos, a través da mediación e a arbitraxe.

A campaña Dálle luz á túa factura, que botou a andar o pasado mes de decembro, inclúe accións de formación e información para aclarar a compresión da factura eléctrica e facilitar a contratación do servizo de subministro, ao tempo que se achega á cidadanía as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións.

Para acadar estes obxectivos, a páxina web do IGC igc.xunta.es conta cun simulador eléctrico que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

No marco desta campaña, a Consellería de Economía e Industria está a facilitar xa formación específica para o persoal de 29 asociacións de consumidores de toda Galicia, co obxectivo de que poidan levar a cabo o programa no seu ámbito de actuación. Esta formación estenderase nas próximas semanas aos técnicos de consumo dos concellos galegos que estean interesados.

Así mesmo, coa xornada celebrada hoxe, que contou coa participación da Unión Democrática de Pensionistas de Galicia, a Escola Galega de Consumo, que o ano pasado atendeu a máis de 8.000 usuarios, pon en marcha obradoiros prácticos para usuarios de asociacións de persoas maiores ou con discapacidade.

Ademais, o simulador eléctrico, que se vai incorporar á programación anual da rede de centros para a modernización e innovación tecnolóxica da AMTEGA, estase a presentar nas principais cidades galegas en xornadas informativas nas que os asistentes poden consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución ás súas reclamacións. Tamén reciben consellos de técnicos do Inega sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

Temática:
SubministrosElectricidade