O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presidiu esta mañá en Santiago de Compostela a reunión inicial deste órgano, que busca a máxima cooperación, comunicación e información entre a Administración autonómica e as entidades locais
No que vai de ano, o Instituto Galego de Consumo e da Competencia atendeu preto de 33.200 consultas e recibiu 15.455 reclamacións, a maioría relacionadas coa telefonía e a facturación eléctrica en ambos os dous casos
Santiago de Compostela, 24 de Novembro de 2021.-

O director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, presidiu esta mañá na Escola Galega de Administración Pública a reunión de constitución do Consello de Cooperación de Consumo, un órgano creado para afondar na colaboración, comunicación e información entre o Goberno autonómico e as entidades locais. Composto por dez vogais, a súa finalidade será procurar a máxima colaboración na defensa e protección dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias.

O Consello prestará unha atención extraordinaria ás previsións relativas a colectivos de protección especial, ás situacións de especial protección, así como ás previsións relativas á accesibilidade universal, podéndose crear grupos de traballo específicos en relación á temas con maior incidencia nos dereitos das persoas.

Durante o encontro de hoxe, Manuel Heredia deu a coñecer as accións formativas desenvolvidas no que vai de ano polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) –organismo que tamén dirixe–, enmarcadas todas elas na Estratexia de protección ás persoas consumidoras.

Así, nos dez primeiros meses do ano, o IGCC atendeu preto de 33.200 consultas –en todo o 2020 foron 34.416– e recibiu 15.455 reclamacións (cerca dun 15 % máis que no total do anterior exercicio), estando a maioría relacionadas coa telefonía e a facturación eléctrica en ambos os dous casos.

Ademais, máis de 4000 persoas participaron nos diferentes programas formativos desenvolvidos ao longo destes meses polo organismo en temáticas como o comercio electrónico, os servizos financeiros ou a nova tarifa eléctrica.

O director do Instituto Galego de Consumo tamén deu conta das actuacións realizadas en materia de control de mercado, un labor que sitúa a Galicia como unha das comunidades que máis produtos industriais perigosos detecta anualmente.

Tal e como indicou Heredia, desde a chegada da pandemia incrementouse especialmente a vixilancia e control de produtos relacionados coa protección individual das persoas, polo que actualmente son os máis numerosos, seguidos de punteiros láser, material eléctrico e pequeno electrodoméstico.

O IGCC, ademais das súas oficinas repartidas polas sete grandes cidades –ás cales se pode asistir con cita previa–, conta cun servizo telefónico gratuíto a través do número 900 231 123, que funciona de 09,00 a 14,00 horas de luns a venres. Así mesmo, os consumidores tamén poden enviar as súas dúbidas por correo electrónico ou a través dun formulario que atoparán na web do organismo.

Temática:
Outros