O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) atendeu máis de 1200 consultas relacionadas coa factura da luz desde a entrada en vigor da nova normativa
Estableceu convenios de colaboración con asociacións de consumidores e usuarios para habilitar puntos de información gratuíta nas súas instalacións, feito que tamén coordinou coas 90 oficinas municipais de información ao consumidor (Omics)
O bono social eléctrico galego conta este ano con 2,1M€ para garantir a subministración nos fogares con máis dificultades
Santiago de Compostela, 13 de Setembro de 2021.-

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), continúa coa súa campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno. Desde a entrada en vigor da nova normativa, o organismo atendeu máis de 1200 consultas relacionadas coa factura da luz, o que supón o 40% das recibidas desde xaneiro.
Así, ademais de crear contidos dixitais na súa web, o IGCC, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, elaborou folletos informativos con consellos e orientacións para aforrar na factura da luz, tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta–.
Co ánimo de achegar esta información ás persoas consumidoras, a campaña inclúe unha serie de xornadas informativas para resolver dúbidas tanto de maneira presencial como online –a través da aula virtual do IGCC–. Ata o de agora, leváronse a cabo unha vintena destes talleres e están programados outros dez para as vindeiras semanas en diferentes concellos galegos.
O Goberno galego estableceu tamén convenios de colaboración con asociacións de consumidores e usuarios como Brétema, Euroconsumo, Ucgal, Fuciga e Adicae para que estas habilitasen puntos de información gratuíta nas súas instalacións, feito que tamén coordinou coas 90 oficinas municipais de información ao consumidor (Omics) existentes en Galicia.
A este respecto, a Xunta abriu en xullo de 2021 unha liña de axudas dirixida ás asociacións e federacións de consumidores que realicen actuacións divulgativas, de asesoramento e información na nova factura da luz.
Dado que a subministración de electricidade é unha necesidade básica das persoas, a Xunta tamén presta especial atención aos colectivos máis vulnerables ou en risco de exclusión social. Así, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia levou a cabo actuacións informativas en colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus) –para axudar a persoas de idade avanzada– e con Cáritas –a través da formación do seu persoal na materia–.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia vén de ampliar ata os 2,1M€ as axudas do bono social eléctrico galego para garantir o servizo nos fogares con máis dificultades. No que vai de ano, os apoios concedidos xa superan o millón de euros, permitindo axudar a máis de 4500 familias.
O IGCC, ademais das súas oficinas repartidas polas sete grandes cidades de Galicia ás cales se pode asistir mediante o sistema de cita previa, conta cun servizo telefónico gratuíto a través do número 900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas de luns a venres. Os consumidores tamén poden enviar as súas dúbidas por correo electrónico ou a través dun formulario que atoparán na web do organismo.
Así mesmo, a Xunta ten previsto convocar o recentemente creado Consello de Cooperación en materia de Consumo, co obxectivo de estudar máis iniciativas dirixidas a asesorar e informar á cidadanía en materia da factura da luz.
Próximas sesións informativas do IGCC:

DATA                                      CONCELLO
16/09/2021                             Moraña

17/09/2021                             Marín

17/09/2021                             Baños de Molgas

21/09/2021                             Salceda de Caselas

22/09/2021                             Outeiro de Rei

23/09/2021                             A Laracha

23/09/2021                             Viveiro

02/10/2021                             Miño

13/10/2021                             Abegondo

14/10/2021                             Boiro

Temática:
SubministrosElectricidade