Os estudantes que participen en Consumópolis poderán optar a tres galardóns de 1000, 600 e 300 euros por cada categoría e os equipos gañadores representarán a Galicia na fase estatal do concurso
Para os mellores proxectos de Galicons-net concederanse catro premios de 1500 euros
Os docentes das iniciativas galardoadas recibirán un recoñecemento da Administración autonómica en horas de formación do profesorado
Santiago de Compostela, 26 de Abril de 2021.-

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade publican as bases para participar nos concursos de Consumópolis e Galicons-Net cos que se busca fomentar o consumo responsable a través da innovación nos centros educativos de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatorias dos premios.

Dunha banda, Consumópolis é un concurso escolar sobre consumo responsable que
conta cunha grande traxectoria en Galicia e que este ano acada a súa 16ª edición: Consumópolis-16, Coida o teu planeta cun consumo + responsable, atréveste? O concurso consiste nun percorrido pola cidade virtual de Consumópolis. Os equipos estarán formados por cinco alumnos ou alumnas e, co obxectivo de procurar a paridade, cada equipo non deberá ter máis de tres membros do mesmo sexo.

Nesta iniciativa establécense tres categorías: a primeira para o alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria; a segunda para estudantes de 1º e 2º curso de Educación Secundaria Obrigatoria; e a terceira dirixida ao 3º e 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria ou de Formación Profesional Básica.

Concederanse tres premios de 1000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Galicia na fase estatal. Os centros terán ata o día 2 de xuño para realizar os traballos e presentar a súa solicitude de participación.

Pola súa banda, os participantes en Galicons-net teñen que realizar un proxecto de innovación educativa sobre algunha das seguintes temáticas de consumo responsable: consumo e xénero, linguaxe publicitaria, comercio electrónico, servizos financeiros ou etiquetaxe de bens e produtos.

Na convocatoria dos premios para este ano establécense catro categorías de participación: para o alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil e de Educación Primaria; estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria; Bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e Formación Profesional e de educación de persoas adultas; e a cuarta categoría vai dirixida ao alumnado de educación especial.

O mellor proxecto en cada unha das modalidades recibirá un premio de 1500 euros. Neste caso, os centros participantes poderán presentar os seus traballos –un por centro– ata o 2 de xullo.

Os participantes nos concursos poderán recibir asesoramento para a realización dos proxectos a través da Escola Galega de Consumo. Ademais, o profesorado participante nos proxectos premiados recibirá unha certificación de innovación educativa en horas de formación do profesorado.

Temática:
Outros