A Xunta convoca os premios Consumópolis e Galicons-Net para fomentar o consumo responsable a través da innovación

26/Feb/2018
Santiago de Compostela

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar hoxe as bases para participar nos concursos de Consumópolis e Galicons-Net cos que se busca fomentar o consumo responsable a través da innovación nos centros educativos de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatorias dos premios.

 

Dunha banda, Consumópolis é un concurso escolar sobre consumo responsable e calidade de vida, que conta cunha grande traxectoria en Galicia e que este ano acada a súa 13ª edición. Consumópolis-13, Na publicidade: ¿Todo vale? céntrase na publicidade dos bens e os servizos dirixida á infancia e á adolescencia. O certame consta de dúas fases: na primeira, os equipos participantes, formados por cinco alumnos a alumnas, teñen que superar distintas probas na plataforma virtual de Consumópolis; na segunda fase os equipos terán que realizar un cartel publicitario e un lema ou slogan. Deste xeito, preténdese que o alumnado reflexione sobre o que está permitido e non permitido na publicidade e tome conciencia daquelas técnicas publicitarias constitutivas de publicidade ilícita.

 

Nesta iniciativa establécense tres categorías: a primeira para o alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria; a segunda para estudantes de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria; e a terceira dirixida ao 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria.

 

Concederanse tres premios de 1000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal, que terá lugar en Madrid. Os centros terán ata o día 27 de abril para realizar os traballos e presentar a súa solicitude de participación.

 

O pasado ano inscribíronse neste concurso 19 centros educativos de toda Galicia, cun total de 685 alumnos e alumnas participantes divididos en 137 equipos.

 

Pola súa banda, os participantes en Galicons-net teñen que realizar un proxecto de innovación educativa sobre algunha das seguintes temáticas de consumo responsable: consumo e xénero, linguaxe publicitaria, comercio electrónico ou servizos financeiros. Neste certame participaron este curso máis de 900 alumnos e alumnas de 15 centros.

 

Na convocatoria dos premios para este ano establécense catro categorías de participación: para o alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria; estudantes de educación secundaria obrigatoria; bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas; e a cuarta categoría- que se incorpora neste curso escolar- vai dirixida ao alumnado de educación especial.

 

O mellor proxecto en cada unha das modalidades recibirá un premio en metálico de 1500 euros. Neste caso, os centros participantes poderán presentar os seus traballos ata o día 2 de xullo de 2018. Ademais, o profesorado participante nos proxectos premiados recibirá por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de innovación educativa en horas de formación do profesorado.

 

Os centros poderán presentar as súas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Área temática

Galería de imaxes