Conformado por representantes das administracións autonómica e local, terá un carácter consultivo, asesor e participativo
Santiago de Compostela, 8 de Xullo de 2021.-

A Xunta de Galicia crea o Consello de Cooperación de Consumo como órgano de coordinación, cooperación e participación entre o Goberno autonómico e as entidades locais. A súa finalidade será procurar a máxima colaboración entre estas administracións naquelas materias que se vinculen á defensa e protección dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias.

Composto por un total de 11 persoas, conta con representación tanto da Administración autonómica como da local. Entre as súas funcións, destaca a de servir de canle de colaboración, comunicación e información, a realización de propostas e a promoción do emprego racional de medios materiais e persoais das administracións na defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias.

O Consello prestará unha atención extraordinaria ás previsións relativas a colectivos de protección especial, ás situacións de especial protección, así como ás previsións relativas á accesibilidade universal, podéndose crear grupos de traballo específicos en relación á temas con maior incidencia nos dereitos das persoas.

O Goberno galego vén de poñer en marcha a Estratexia de protección ás persoas consumidoras para os próximos anos e que, enmarcada na Nova Axenda Europea da persoa Consumidora 2020-2025, ten como obxectivo principal garantir un alto nivel de protección ás persoas tras os cambios producidos nos últimos tempos, preservando os seus dereitos nun novo mercado máis dixital e global onde están presentes novas prácticas, novos hábitos e novos formatos.

Temática:
Outros