A iniciativa do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) inclúe un taller que abordará os dereitos das persoas consumidoras e usuarias no relativo aos servizos e produtos que espertan un maior interese
En virtude do acordo tamén se estudará a accesibilidade da web do IGCC e se ofrecerá atención e asesoramento telefónico
Santiago de Compostela, 25 de Abril de 2021.-

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asinou esta semana xunto co delegado territorial da ONCE-Galicia, Manuel Martínez, un convenio de colaboración enmarcado no programa Consumo Accesible.
O obxectivo é desenvolver actividades de formación para garantir a dispoñibilidade de información clara, accesible e doada de usar tanto no mercado tradicional como dixital.

A iniciativa, que desenvolve a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), inclúe un estudo de accesibilidade ao sitio web do IGCC para que todas as persoas, con independencia de ter unha discapacidade, da idade ou de acceder á web desde tecnoloxías pouco convencionais, poidan navegar polas súas páxinas sen dificultade de acceso; atención e asesoramento telefónico directo en horario de 9 a 14 horas de luns a venres; así como formación de formadores e formación directa a persoas afiliadas da ONCE a través do taller A resiliencia das persoas consumidoras.

Esta actividade, a desenvolver entre os meses de abril e decembro, abordará os dereitos esenciais que teñen as persoas consumidoras e usuarias no relativo a servizos e produtos que espertan un maior interese e dúbidas. En concreto, o sector enerxético, a telefonía, as viaxes, o sobreendebedamento ou o comercio electrónico, entre outros.

En base á súa experiencia e coñecemento das distintas problemáticas que afectan ás persoas consumidoras de maior idade, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia encargarase de deseñar e elaborar os contidos dos diferentes talleres e da formación.

Temática:
Outros