A Xunta destaca a importancia de defender os dereitos dos consumidores nun congreso organizado coa Universidade de Vigo
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou esta tarde na inauguración do congreso A protección das persoas consumidoras en Galicia, organizado en colaboración coa Universidade de Vigo e que ten lugar hoxe e mañá no salón de graos da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo.
Sol Vázquez destacou a importancia de que a sociedade coñeza os seus dereitos e obrigas como consumidores. De feito, nestas xornadas -dirixidas a profesionais do dereito, estudantes e público en xeral-, profesores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo e da Universidade da Coruña, profesionais do mundo da xudicatura e técnicos do propio Instituto Galego de Consumo participan como relatores. O congreso ten por obxecto analizar e debater sobre a vixente lexislación galega de protección das persoas consumidoras e usuarias -a Lei 2/2012, do 28 de marzo-.
Cunha duración total de 7 horas, o programa de actos inclúe esta tarde as intervencións do presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Javier Menéndez Estébanez, que analiza o concepto de persoa consumidora; de Rafael Colina Garea, profesor titular de Dereito Civil da Universidade da Coruña, para falar dos dereitos das persoas consumidoras; de José María Pita Ponte, xefe do Servizo de Protección ao Consumidor do Instituto Galego do Consumo, para avaliar o réxime sancionador da lei actual; e, finalmente, esta primeira xornada conclúe coa análise das cuestións prácticas do réxime sancionador a cargo de Marcos Amboage López, maxistrado do Xulgado Contencioso-administrativo número 2 de Lugo.
A segunda xornada arrancará mañá, mércores 26 de outubro, ás 09:30 horas coa intervención de Esther Pillado González, catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Vigo, e de Pablo Grande Seara, profesor de Dereito Procesual desta mesma universidade, que se encargarán de falar sobre o sistema arbitral de consumo. Tras unha pausa, a partir das 11:30 horas, intervirán Montserrat Rodríguez Varela, inspectora de consumo do Instituto Galego do Consumo, e José María Pita Ponte, actual secretario da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, que afondarán na problemática práctica do sistema arbitral de consumo.
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA