A Xunta destaca o talento dos alumnos do instituto ourensano 'IES O Couto'

03/Xul/2014
Santiago

Os conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde, e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacaron hoxe o talento dos participantes galegos na fase nacional do concurso escolar Consumópolis, no que uno dos equipos da comunidade acadou o primeiro premio na categoría de 1º e 2º de ESO.

Coa vitoria do equipo El Ordenador, do IES O Couto (Ourense), Galicia acumula catro triunfos a nivel nacional nos últimos anos ?dos que dous corresponden a alumnos deste instituto-, e os conselleiros resaltaron a creatividade dos mozos e mozas, posta ao servizo do consumo responsable.

Na fase nacional do Consumópolis, na que participaron 11.415 alumnos, tomaron parte tamén outros equipos gañadores da fase autonómica e que tamén estiveron hoxe presentes no encontro cos membros do Goberno galego, como o equipo do Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa (Ourense) do 3º ciclo de Primaria, e o grupo de 3º e 4º de ESO do propio instituto de O Couto. Ademais, no encontro participou o segundo clasificado na categoría de 1º e 2º de ESO, tamén pertencente ao IES O Couto.

O concurso Consumópolis é xa un verdadeiro clásico entre o alumnado galego. Os destinatarios deste concurso é o alumnado de idades comprendidas entre 10 e 16 anos, coordinados por un docente do centro onde cursan estudos. Participan formando equipos de cinco alumnos e alumnas do mesmo curso, presentando os traballos de forma colaborativa.

Na fase autonómica deste ano, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, e en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participaron máis de 1.200 escolares galegos e que este curso estivo centrado no uso responsable das tecnoloxías da información e a comunicación.

Os primeiros premios de cada categoría representaron a Galicia na fase nacional, organizada pola AECOSAN, a Axencia de Consumo e Seguridade Alimentaria. Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o seu inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame cada ano. En anos anteriores, alumnos do propio IES O Couto, o CEIP Lourido (Poio) e o IES Maximino Romero de Lema (Baio) foron primeiros clasificados deste concurso.

Consumópolis forma parte do Plan Proxecta, no que se integran os proxectos institucionais das distintas consellerías e organismos da Xunta de Galicia vinculados coa educación en prol do fortalecemento dos valores e competencias clave, nun marco de innovación educativa. No actual ano académico foron máis de 86.000 os estudantes participantes nos programas deste plan, que é coordinado por Cultura e Educación.

Área temática

Galería de imaxes