A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe na Coruña as instalacións deste centro que o pasado ano detectou incumprimentos en materia de etiquetado e seguridade nun total de 228 produtos
En 2017 a rede de alerta de Galicia xestionou un total de 65 notificacións, sobre todo en materia de xoguetes e luminarias
Mañá continúa o programa de actividades con motivo do Día Mundial das persoas consumidoras e usuarias que pechará a semana cun total de mil alumnos participantes de toda Galicia
A Coruña, 14 de Marzo de 2018.-

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe na Coruña as instalacións do Laboratorio de Consumo de Galicia, con motivo da celebración mañá do Día Mundial das persoas consumidoras e usuarias e puxo en valor o traballo que este centro realiza na vixilancia e control do mercado.

Neste sentido, fixo balance do labor realizado o pasado ano, no que se detectaron incumprimentos, sobre todo de etiquetado e seguridade, nun total de 228 produtos. En concreto, o Laboratorio analizou 12.366 parámetros de 518 produtos e atopáronse incumprimentos en 693 correspondentes a 228 produtos, a maioría no ámbito eléctrico e electrónico, mecánico e téxtil.

Por outra parte, durante o ano 2017, xestionáronse desde Galicia 65 notificacións dentro da rede de alerta, das que o 49% foron en materia de xoguetes e o 18% de luminarias, a maioría por risco de asfixia e choque eléctrico. Cando se constata que algún produto presenta riscos, procédese á súa notificación á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios, un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

Sol Vázquez tamén informou de que as actividades con motivo do Día Mundial das persoas consumidoras e usuarias continúa mañá cunha actividade da Escola Galega de Consumo en colaboración coa Aula Cesga da Universidade de Santiago de Compostela que consistirá en dúas videoconferencias en streaming dirixidas aos centros educativos que desexen conectarse. Será ás 10.00 horas para o alumnado de Educación Primaria e ás 12.00 horas para o alumnado da ESO e Bacharelato.

Tamén mañá se realizarán charlas e obradoiros en materia de xoguetes e linguaxe publicitaria no CEIP Barrantes, en Tomiño; mentres que o venres o programa finaliza coa visita as instalacións da Escola Galega do Consumo de 35 alumnos de 2º da ESO do CPI Cova Terreña de Baiona que obterán consellos para un consumo responsable no supermercado, así como información sobre o comercio xusto. En total, máis dun millar de alumnos e alumnas de toda Galicia participan nas actividades programadas esta semana con motivo deste Día Mundial.

Temática:
Outros