A Xunta, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) pon en marcha unha nova edición do programa LecerConsumo, que busca achegar durante o verán de forma lúdica os conceptos básicos de consumo responsable e do lecer a través de diferentes actividades.
A iniciativa, que se desenvolve do 1 de xullo ao 31 de agosto, realízase en colaboración con concellos e outras entidades, está dirixida a diferentes grupos de idade, cunha oferta formativa adaptada ás necesidades de cada colectivo destinatario, na procura de dar resposta aos intereses e inquedanzas de cada un deles.
O programa, no que o ano pasado participaron máis de 2.000 rapaces e rapazas de 25 municipios galegos, céntrase nesta edición no coñecemento das diferentes técnicas de márketing e publicidade. As asociacións, concellos e outras entidades que queiran participar poderán inscribirse e obter máis información na páxina do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
Para os máis novos, de 3 a 7 anos, ponse en marcha a actividade A bolboreta pizpireta: un desexo responsable, que consiste na narración dun conto baseado no consumo responsable e na idea principal de que non é preciso pedir moitos xoguetes para gozar do lecer, propoñendo outras alternativas. A continuación, os nenos e nenas crearán o seu propio xoguete baseado no conto narrado previamente.
Para os participantes de 8 a 12 anos ofrécese Móvete no verán!, unha actividade na que os rapaces e rapazas participarán nunha xincana, onde as probas estarán relacionadas con diferentes temáticas do consumo responsable, como as cores e o slogan empregados na publicidade, a pirámide dos alimentos ou o código PEGI (Pan European Game Information) aplicable aos videoxogos. Finalmente, crearase un cartel publicitario no que anunciar un produto ou servizo relacionado co lecer e o verán.
No tocante aos rapaces de 13 a 17 anos, converteranse en publicistas por un día e poderán coñecer os elementos da publicidade e os diferentes códigos publicitarios: música, slogan, personaxes ou cores empregados habitualmente nos anuncios, rematando coa gravación do seu propio anuncio.
Xa para os maiores de 18 anos, ofrécese a charla participativa Educando nuns hábitos de vida saudables. Céntrase nos hábitos de vida saudables, tomando como base a importancia de coñecer o etiquetado alimentario como parte esencial para levar unha dieta equilibrada, ademais de outras recomendacións de consumo responsable no ámbito do lecer e da época estival.