O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que se está a traballar xunto coa Consellería de Educación para ofertar aos centros esta disciplina, que podería comezar a impartirse o vindeiro curso
 Nunha visita ás actividades que organiza a Escola Galega de Consumo con motivo do Día mundial das persoas consumidoras e usuarias, destaca a importancia da formación neste eido para que a cidadanía sexa consciente dos seus dereitos e responsabilidades para así poder exercelos plenamente
 A Xunta traballa nun novo Plan para a protección das persoas consumidoras que reforce o importante traballo que desenvolve o Instituto Galego do Consumo e da Competencia
Santiago de Compostela, 14 de Marzo de 2017.-

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que se está a traballar xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ofertar aos centros educativos a nova materia de Consumo Responsable. Esta disciplina será de libre elección para o primeiro ciclo da ESO (poderase impartir en primeiro ou en segundo curso) e espérase que se poida comezar a implantar o vindeiro curso académico nos centros que o soliciten.

 

O conselleiro, que visitou as actividades que desenvolve a Escola Galega de Consumo con motivo do Día mundial das persoas consumidoras e usuarias, que se celebra o 15 de marzo, sinalou a importancia da formación neste eido para que a cidadanía sexa consciente dos seus dereitos e responsabilidades para así poder exercelos plenamente.

 

A información e a divulgación é clave para a protección efectiva dos consumidores, e así durante o 2016 a Escola organizou máis de 300 actividades que chegaron a preto de 9.000 persoas. Hoxe visitan o centro, dependente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, o CPI Mestre Rodríguez Xixirei e o CEIP Monte dos Postes de Santiago. Xunto coas actividades organizadas polo Laboratorio de Consumo de Galicia, preto de 700 rapaces se achegarán ao consumo responsable ao longo desta semana.

 

Na súa visita, o conselleiro sinalou que unha das metas da Consellería para esta lexislatura é poñer en marcha un novo Plan para a Protección das Persoas Consumidoras, que reforce o intenso traballo que Consumo desenvolve. En 2016, o IGCC tramitou preto de 17.200 reclamacións, abriu preto de 2.200 expedientes sancionadores, por un total de 20,9 millóns de euros, e emitíronse máis de 3.100 laudos arbitrais.

 

O novo Plan, entre outros aspectos, buscará mellorar a calidade do servizo aos consumidores galegos, modernizando a atención telefónica, dixitalizando e optimizando procesos, e poñendo en marcha unha medida pioneira como a arbitraxe electrónica. O Plan tamén incluirá accións para incrementar a prevención de riscos para as persoas consumidoras, como o impulso de Códigos de Boas prácticas sectoriais, ou campañas de control dos novos formatos de consumo que están a xurdir.

Temática:
Outros