 A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, entregaron hoxe os galardóns deste certame no que participaron preto de 900 estudantes de primaria e secundaria de toda Galicia
 Resultaron premiados alumnos de centros educativos de Abegondo, Zas e Tordoia, na provincia da Coruña; de Ribadeo e Monforte, en Lugo; da cidade de Ourense e de Poio (Pontevedra)
 Os primeiros clasificados en cada categoría representarán a Galicia na fase nacional do certame
Santiago , 17 de Xuño de 2016.-

A XUNTA IMPULSA O CONSUMO RESPONSABLE ENTRE OS MÁIS NOVOS CO CONCURSO ESCOLAR CONSUMÓPOLIS

 

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, entregaron hoxe os galardóns deste certame no que participaron preto de 900 estudantes de primaria e secundaria de toda Galicia
Resultaron premiados alumnos de centros educativos de Abegondo, Zas e Tordoia, na provincia da Coruña; de Ribadeo e Monforte, en Lugo; da cidade de Ourense e de Poio (Pontevedra)
Os primeiros clasificados en cada categoría representarán a Galicia na fase nacional do certame

 

Santiago, 17 de xuño de 2016.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entregaron hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis, en cuxa undécima edición participaron preto de 900 estudantes de primaria e secundaria de toda Galicia.

 

Este ano o concurso celebrouse baixo o lema Ti consomes: Fano igual en todas as partes? Trala realización, por parte do alumnado, de diferentes probas na cidade virtual de Consumópolis que estaban relacionadas coa pregunta de se se consome do mesmo xeito en todas partes, os estudantes traballaron en equipo no deseño, elaboración e presentación dun vídeo sobre a temática proposta.

 

Na fase autonómica de Consumópolis, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do IGC, e en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco do Plan Proxecta, establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores vídeos en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros, que poderán empregar para actividades ou material pedagóxico. Os primeiros clasificados de cada categoría representarán a Galicia na fase nacional de Consumópolis, organizada pola Axencia de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN).

 

Centros premiados

Na categoría correspondente a 5º e 6º curso de primaria clasificáronse en primeiro e segundo lugar dous equipos do colexio CEIP de Lourido (Pontevedra), mentres que en 3º posto foi recoñecido o vídeo do alumnado do CEIP Plurilingüe San Marcos de Abegondo (A Coruña).

 

No tocante á categoría de 1º e 2º curso de ESO, o primeiro premio recaeu no alumnado do IES O Couto de Ourense. En segundo lugar clasificouse un equipo de estudantes do IES Maximino Romero de Lema de Zas (A Coruña), e o terceiro clasificado foi un equipo do CPI Pecalama de Tordoia (A Coruña).

 

O Colexio Sagrado Corazón, de Ribadeo (Lugo) foi o primeiro clasificado na categoría para 3º e 4º de ESO. O segundo premio neste tramo de idade recaeu de novo no alumnado do CPI Pecalama de Tordoia, mentres que o terceiro foi para un equipo do IES A Pinguela, de Monforte de Lemos (Lugo).

 

Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame cada ano. Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta continúa a traballar na mellora da formación dos máis novos en consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido.

 

SAÚDOS,

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

Temática:
Outros