A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente do Inega, Zeltia Lado, presentaron hoxe a iniciativa, que inclúe encontros nas sete principais cidades para formar aos técnicos que traballan de xeito directo con este colectivo
Tamén se están a distribuír 50.000 folletos para achegar as claves destes apoios á cidadanía, ademais de poñer á súa disposición o teléfono gratuíto 900 231 123
Máis de 500 fogares benefícianse xa das axudas autonómicas, que permiten aos consumidores vulnerables severos asumir o pagamento do 100% da factura e garanten así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo
Santiago de Compostela, 19 de Outubro de 2018.-

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e a xerente do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Zeltia Lado, presentaron hoxe en rolda de prensa a nova campaña informativa impulsada pola Xunta para facilitar aos consumidores máis vulnerables a tramitación do bono social eléctrico e da axuda impulsada pola Administración autonómica, que permite asumir o pagamento do 100% da factura, e que garante así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo.

Esta iniciativa inclúe, dunha banda, encontros nas sete principais cidades galegas para formar e asesorar aos técnicos dos servizos sociais municipais e das asociacións de consumidores, ademais de ao persoal de Cáritas e Cruz Vermella, que colaboran coa Xunta neste eido. A primeira destas xornadas celebrarase en Ferrol o vindeiro martes, 23 de outubro, ás 11 horas no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta. Segundo explicou a directora xeral de Comercio e Consumo, tamén se vai reforzar a colaboración coas asociacións de consumidores para que realicen diferentes accións de divulgación no ámbito eléctrico.

Ademais, estanse a distribuír nas oficinas dos servizos centrais e das delegacións da Xunta, nos concellos e nas dependencias de Cáritas e Cruz Vermella e nas distintas asociacións de consumidores e usuarios unha primeira tirada de 50.000 folletos para achegar á cidadanía as claves destes apoios, unha información tamén dispoñible na web do Inega e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC). Este último conta co teléfono gratuíto 900 231 123 para atender as consultas dos consumidores.

Tal e como sinalou na rolda de prensa a xerente do Inega, o bono social do Estado supón unha bonificación de entre o 25% e o 40% no recibo de luz. Galicia foi a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias, e así, a Xunta cobre o 50% do pagamento da factura eléctrica dos consumidores vulnerables severos e garante ao mesmo tempo que non van sufrir ningún corte no servizo. Este complemento permite que os beneficiarios poidan asumir o pagamento do 100% da factura, xa que outro 10% asúmeo o propio sistema eléctrico.

Segundo apuntou Zeltia Lado, o apoio autonómico, cuxo prazo de presentación permanece aberto durante todo o ano e do cal xa se benefician 500 familias, regúlase a través dunha orde de axudas cunha contía máxima de 250 euros ao ano, ou de 400 euros no caso das familias numerosas, e compleméntase co protocolo de colaboración asinado coas principais comercializadoras para evitar o corte de subministración entre los consumidores más sensibles.

Temática:
SubministrosElectricidade