A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, vén de por en marcha a terceira edición da campaña Infonadal Consumo 2012
Santiago, 14 de Decembro de 2012.-

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, vén de por en marcha a terceira edición da campaña Infonadal Consumo 2012, unha iniciativa que, de cara ás compras do Nadal, intensifica as actuacións de control do mercado que a inspección de consumo leva a cabo permanentemente para garantir a seguridade dos produtos. A campaña inclúe tamén accións formativas para atender á necesidade de orientación, información e formación dos consumidores galegos nestas datas, así como a elaboración dun folleto con consellos de compra.

Os controis realizados céntranse nos xoguetes, produto de consumo masivo nestas datas, e, entre eles, nos xoguetes eléctricos para menores de 3 anos, nos que incorporan proxectís con ventosas, naqueles que emiten son, e nas grilandas luminosas. Deste xeito, garántese ao máximo a protección dos consumidores galegos durante o Nadal, época na que se incrementa a venda entre os máis pequenos.

Na realización destes controis participa o Laboratorio de Consumo de Galicia, o único oficial acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para o análise deste tipo de produtos. O IGC tamén intensifica a vixilancia no cumprimento das obrigas dos establecementos que poñen os seus produtos a disposición dos consumidores: indicación de prezos, etiquetado, publicidade ou existencia de follas informativas.

Consellos para mercar os xoguetes

Á hora de mercar os xoguetes o IGC resalta unha serie de consellos para garantir a seguridade e a idoneidade dos mesmos. Neste sentido, cómpre salientar que, no que levamos de ano, o IGC ten alertado xa de preto de 40 xoguetes que non cumprían a normativa. Sobre esta base, resulta fundamental comprobar que sexan axeitados á idade e ás habilidades físicas do neno, asegurando que dispoñen do marcado CE.

Tamén hai que comprobar que na etiqueta figura o nome e o enderezo do responsable do produto, ler as instrucións de manexo e as advertencias, e constatar que a etiqueta e as instrucións están polo menos en castelán. Ademais, débese asegurar que non teñan bordes cortantes, e que os xoguetes eléctricos non teñan fontes de alimentación de máis de 24 voltios.

Todas estas recomendacións abórdanse nas accións formativas que, dentro da mesma campaña Infonadal, está a desenvolver a Escola Galega de Consumo. Os destinatarios destas charlas formativas son, fundamentalmente, as asociacións de consumidores e usuarios e as asociacións de pais e e nais do alumnado dos centros escolares galegos, ademais do propio alumnado.

As charlas céntranse en aspectos de seguridade analizando as recomendacións pedagóxicas en función da idade. Afóndase, tamén, nos dereitos e deberes das persoas consumidoras e como exercelos. Esta actividade formativa esperta un gran interese entre a poboación, como demostran os 400 participantes rexistrados durante a campaña do ano pasado.

Temática:
ProdutosXoguetes