O Instituto Galego do Consumo e da Competencia colabora coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) na realización destas charlas, que se transmiten en directo ás aulas da Rede CeMIT
Abórdanse diversas temáticas de interese para a poboación galega en materia de consumo
A próxima actividade versará sobre telefonía móbil e Internet e celebrarase o luns 7 de outubro, de 12.00 a 13.30 horas, mentres que o 4 de novembro e o 2 de decembro trataranse os servizos de asistencia técnica e os servizos de gas, respectivamente
Santiago de Compostela, 2 de Outubro de 2019.-

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dentro da ampla oferta formativa  que desenvolve a través da Escola Galega do Consumo, ofrece unha serie de charlas informativas en modalidade de videoconferencia arredor de diferentes temáticas de interese para a poboación galega en materia de dereitos das persoas consumidoras. As actividades desenvólvense en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia e transmítense en directo dende a Escola Galega do Consumo ás aulas da Rede CeMIT. A próxima charla tratará sobre telefonía móbil e Internet e emitirase en directo o luns 7 de outubro, de 12.00 a 13.30 horas. Nela, falarase dos principais conceptos que se deben manexar e ter en conta na contratación, a relación coas compañías de telefonía móbil e os diferentes servizos ofertados por estas: tipos de tarifas, permanencia, etc. Ademais, afondarase nos dereitos que nos amparan en materia de consumo e analizaranse as principais reclamacións en materia de telefonía móbil e internet. A charla é participativa e está aberta á intervención por parte das persoas participantes. 

A colaboración entre o IGCC e a Amtega inclúe a realización dunha charla participativa mensual por videoconferencia a través da Rede CeMIT sobre diferentes temas de interese para a poboación galega en materia de consumo. As seguintes charlas que se desenvolverán serán:

— 4 de novembro: Servizos de asistencia técnica.

— 2 de decembro: Servizos de gas.

 

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e caracterízase pola impartición de actividades formativas no eido da alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital. Conta coa colaboración de 92 concellos galegos. Está integrada por un total de 98 aulas, dende as que as persoas usuarias poden acceder a toda a formación presencial e en liña.

 

A reserva de praza para a participación nas charlas realízase a través da Rede CeMIT, tanto a través da súa páxina web (http:cemit.xunta.gal), como poñéndose en contacto directamente coa aula CeMIT máis próxima.  

Temática:
TelecomunicaciónsInternet