A Xunta ofrece unha charla informativa sobre servizos de gas, en colaboración con FEGAUS, e outra sobre servizos de asistencia técnica, a través da Rede CeMIT
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dentro da ampla oferta formativa que desenvolve a través da Escola Galega do Consumo, ofreceu onte, 4 de novembro, unha charla informativa sobre servizos de gas en colaboración con FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors). A actividade desenvolveuse no campus universitario de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña, e puido ser seguida en directo por Internet a través do Canal Sénior.
Ademais, onte tamén se celebrou unha actividade informativa sobre servizos de asistencia técnica para as aulas da Rede CeMIT. A charla realizouse na modalidade de videoconferencia, transmitíndose en directo dende as instalacións da Escola Galega do Consumo ás Aulas CeMIT participantes.
O 2 de decembro volverase realizar unha actividade informativa sobre servizos de gas a través da Rede CeMIT. A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega (a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e caracterízase pola impartición de actividades formativas no eido da alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital. Conta coa colaboración de 92 concellos galegos e está integrada por un total de 98 aulas, dende as que as persoas usuarias poden acceder a toda a formación presencial e en liña.
A reserva de praza para a participación nas charlas realízase a través da Rede CeMIT, tanto a través da súa páxina web (http:cemit.xunta.gal), como poñéndose en contacto directamente coa aula CeMIT máis próxima