A Xunta pon de relevo o traballo do Laboratorio de Consumo de Galicia a prol da calidade e seguridade dos produtos que se adquiren no mercado

19/Ago/2024
A Coruña
Visita ao Laboratorio de Consumo de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, visitou esta mañá na Coruña a sede do Laboratorio de Consumo de Galicia, un centro dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no que se realizan as análises e ensaios sobre produtos industriais non alimenticios presentes no mercado, co fin de avaliar a súa conformidade coas regulamentacións técnicas referidas tanto á calidade como á seguridade.

O director xeral destacou que este departamento da Administración autonómica é un referente a nivel nacional e internacional, así como un instrumento moi importante para garantir aos consumidores a seguridade e a fiabilidade dos produtos que se adquiren.

Ademais, puxo en valor que o traballo do Laboratorio de Consumo de Galicia sitúa á Comunidade como líder no control de produtos, sendo ademais o único laboratorio oficial público de consumo en toda España que conta coa acreditación ENAC -certificado que avalía a competencia técnica de laboratorios ou entidades de certificación e inspección. 

Cara un mercado máis seguro

Galicia está á cabeza de toda España na detección de produtos inseguros e na súa comunicación á Rede de alerta nacional. No que vai de 2024 comunicáronse xa 23, que se suman aos 91 alertados o ano pasado e que foron, en consecuencia, retirados da venda, contribuíndo así a un mercado máis seguro.

Ademais, é a única Comunidade autónoma que adquire produtos a través de internet para a súa posterior análise, coa vontade de chegar ao mercado global e a produtos que non se atopan no comercio físico. Proba disto son, por exemplo, as 19 alertas de punteiros láser das que se informaron en 2023.

Pola súa banda, os xoguetes seguen a estar tamén entre os produtos máis alertados, toda vez que os nenos son os consumidores máis vulnerables e o Laboratorio traballa para detectar aqueles que poden ser inseguros, tanto en tendas físicas como en liña. Luminarias e pequeno electrodoméstico tamén son outras das categorías que máis alertan suman.

Na súa contribución para garantir un mercado seguro, os técnicos do Laboratorio de Consumo de Galicia participan tamén, xunto cos organismos nacionais e europeos, na elaboración e redacción das normas de seguridade UNE e EN.

Área temática

Galería de imaxes