A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia co Consello Galego de Consumidores e Usuarios para avaliar a sentenza ditada polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea nesta materia e trasladar as accións do Instituto Galego do Consumo e da Competencia
Santiago de Compostela, 24 de Xullo de 2020.-

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión informativa por videoconferencia con representantes do Consello Galego de Consumidores e Usuarios co obxectivo de avaliar a sentenza ditada o pasado 16 de xullo polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) no relativo aos gastos de hipoteca vinculados a cláusulas declaradas abusivas, que deberán ser reembolsados ás persoas consumidoras.

Tal e como lles trasladou a directora xeral, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da súa web e das ferramentas que ten á súa disposición, informará detalladamente ás persoas consumidoras sobre todo o que hai que saber con respecto aos trámites e gastos derivados dunha hipoteca e os seus gastos. Así mesmo, informou de que o IGCC pon a disposición da cidadanía un modelo de reclamación na súa web http://consumo.xunta.gal co obxectivo de facilitar a tramitación das reclamacións ante as distintas entidades bancarias.

Deste xeito, o consumidor debe presentar o escrito de reclamación ante Servizo de Atención ao Cliente da entidade bancaria. A entidade dispón dun prazo dun mes para contestar, do contrario débese presentar unha reclamación ao Banco de España, que dispón dun prazo de catro meses para ditar resolución. Unha vez que o Banco de España se pronuncie de forma favorable ao consumidor, este poderá requirir á entidade o seu cumprimento, que contará cun mes, en caso contrario, poderá reclamar o seu cumprimento ante o Instituto Galego do Consumo. En calquera caso, o afectado sempre poderá interpoñer a oportuna demanda xudicial.

Temática:
Serv. financeiros e segurosServizos financeiros