A Xunta pon en marcha en Ferrol un novo sistema de reclamación dixital para preservar os dereitos dos consumidores e usuarios

19/Dec/2024
Ferrol
QR Ferrol

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, visitaron hoxe na cidade un dos establecementos adheridos ao programa piloto de reclamación dixital a través dun código QR. O negocio Tien21 Gato é o primeiro negocio da zona con este sistema que persegue axilizar o proceso de reclamación e garantir a protección dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, como complemento das actuais follas de reclamación.

Aneiros avanzou que con este novo sistema evítase ao usuario ter que solicitar expresamente a folla de reclamación, podendo facelo unha vez fóra do comercio ou mesmo desde a casa. “Permíte facer máis simple, áxil e eficaz o proceso de reclamación para o usuario á vez que facilitamos á empresa unha nova canle de comunicación coa súa clientela”, indicou.

O procedemento consiste no escaneo dun código QR que dirixe ao usuario a un formulario virtual que deberá cubrir. Á vez que se envía por correo electrónico ao establecemento, o afectado recibe a confirmación dando conta do día e da hora da presentación e indicando que se abre o prazo dun mes para que a empresa remita contestación.

Transcorrido este prazo sen obter resposta ou de ser esta insatisfactoria, a persoa consumidora poderá dirixirse directamente ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e presentar unha nova reclamación a través dun enlace que xa se inclúe no propio correo e que recolle os datos cubertos na súa primeira reclamación.

A delegada territorial explicou que este proxecto piloto de reclamación dixital está en período de expansión e avanzou que o obxectivo do Goberno galego para o próximo ano é chegar ao sector servizos (subministración eléctrica e telefonía) que é onde se rexistra un maior número de reclamacións.

Campaña ‘Infonadal Consumo 2024’

Con anterioridade, a responsable de Consumo desprazouse ao CEIP Plurilingüe Os Casais, en Fene, para supervisar o desenvolvemento dunha das actividades divulgativas da campaña Infonadal Consumo 2024 co que a Escola Galega de Consumo (EGC) pretende impulsar e desenvolver a educación e a formación das persoas consumidoras galegas e dar a coñecer o labor do IGCC nos centros educativos.

A actividade, na que participaron un total de 61 alumnos de Educación Infantil e Primaria e que leva por lema ‘Somos elfos do Nadal’, incluíu o relato dun conto relacionado con estas festas para os máis pequenos e unha charla participativa para os alumnos de Primaria, así como diferentes actividades lúdicas.

Área temática

Galería de imaxes