A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou nas actividades que se desenvolveron esta mañá no CEIP de Laredo e que continuarán a vindeira semana en centros de Vila de Cruces e A Estrada
A iniciativa ten por obxectivo ofrecer pautas e consellos para unha compra e un uso axeitado e seguro dos produtos máis consumidos polos rapaces a rapazas no Entroido como disfraces, máscaras, perrucas, pinturas faciais ou artigos de broma
A Inspección de Consumo, en colaboración co Laboratorio de Consumo de Galicia, analizarán durante a campaña de Entroido os produtos propios desta celebración para garantir a seguridade das persoas consumidoras
Redondela (Pontevedra), 2 de Febreiro de 2018.-

A Xunta iniciou hoxe en Redondela (Pontevedra) por cuarto ano consecutivo o programa Entroido coa Escola Galega do Consumo, que se centra en ofrecer pautas e consellos para unha compra e un uso axeitado e seguro dos produtos típicos do Entroido como son disfraces, perrucas, pinturas e demais artigos que se poden atopar á venda en calquera establecemento comercial.

A directora xeral de Comertcio e Consumo, Sol Vázquez, participou esta mañá na iniciativa que se desenvolveu no CEIP de Laredo en Redondela. Alí, os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer as principais recomendacións sobre os produtos mercados nestas datas, así como realizar unha actividade de grupo de inspección de consumo, analizando produtos e indicando por que deberían ser retirados do mercado.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, está dirixida ao alumnado de entre 8 a 16 anos. Esta actividade, que se desenvolverá os días 6 e 7 de febreiro en centros de Vila de Cruces e A Estrada, contribúe a divulgar o traballo do Laboratorio de Consumo de Galicia nas súas tarefas de vixilancia do mercado e de retirada dos produtos inseguros.

Como cada ano por estas datas, o Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC) leva a cabo unha campaña para comprobar que os artigos que se poñen á venda nos diferentes establecementos comerciais non presentan ningún risco e compren coa normativa. Durante o ano 2017, o Laboratorio de Consumo de Galicia analizou un total de 30 artigos relacionados co Entroido, incluíndo disfraces e os seus accesorios. Ademais, comunicáronse á Rede de alerta nacional 13 artigos relacionados con disfraces que non cumprían cos requisitos de seguridade establecidos na normativa. Na campaña iniciada este 2018 vanse a analizar un total de 20 artigos relacionados co Entroido, pero ademais está previsto que as actuacións inspectoras sobre esta clase de produtos se estendan tamén a outras épocas do ano, como é a celebración do Samaín ou Halloween nos meses de outubro e novembro.

Desde o Instituto Galego do Consumo e da Competencia recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos.

Desde o Instituto recórdase que os disfraces para menores teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiquetaxe a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e a marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como a factura, necesarias para realizar calquera reclamación posterior.

Os disfraces dos menores de 7 anos non deben ter compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia (cordóns demasiado longos ou botóns que se poidan desprender con facilidade). Tampouco se permiten cordóns ou fitas que colguen por debaixo das dobras inferiores da peza. Por outra banda, recoméndase elixir materiais non inflamables e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa.

Os traxes que non sexan axeitados para menores de 3 anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia, na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. En canto ás máscaras, débese comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberá ser axeitada para a pel dos nenos, e deberá probarse antes nunha zona da man ou do brazo.

Temática:
Outros