A Xunta pon en marcha os foros de diálogo previstos na Estratexia galega de protección das persoas consumidoras e usuarias 2026-2030
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, presidiu esta semana a posta en marcha dos foros de diálogo previstos como espazos de participación, reflexión e intercambio na Estratexia galega de protección das persoas consumidoras e usuarias 2026-2030. En concreto, no primeiro bloque estratéxico da folla de ruta, centrado na protección e equidade no mercado dixital; e no segundo bloque, arredor do consumo sostible e responsable.
O foro de diálogo sobre a transformación dixital reúne as organizacións de persoas consumidoras con participación no Consello Galego de Persoas Consumidoras e Usuarias: Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Brétema, Federación Galega de Euroconsumo, Federación de Usuarios e Consumidores Independentes de Galicia (Fuciga), Unión de Consumidores de Galicia, Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros de Galicia (Adicae Galicia) Asociación de Consumidores e Usuarios en Acción (Facua Galicia) e Asociación de Consumidores de Galicia (Acouga). Tamén entidades representativas de colectivos vulnerables (Cáritas, Fegaus, EAPN e ONCE) e persoas expertas en transformación dixital do Clúster TIC Galicia, a maiores dos representantes da Administración autonómica e da Fegamp.
En concreto, o foro dixital abordará a transformación tecnolóxica, os avances dos sistemas de intelixencia artificial, a progresiva internacionalización dos mercados, a sofisticación crecente das fraudes en liña, a fenda dixital e a protección dos menores co gallo de extraer conclusións e recomendacións operativas que poidan ser incorporadas polas diferentes entidades implicadas.
Pola súa banda, o foro de consumo responsable e sustentable aglutina —a maiores das organizacións de persoas consumidoras e usuarias e as entidades representativas de colectivos vulnerables xa presentes no outro foro—o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), ademais dos representantes da Administración autonómica —incluído o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte— e da Fegamp.
Neste caso, avogarase por un modelo económico orientado á sostibilidade, caracterizado pola redución de residuos e pola posta en valor do comercio e a produción de proximidade, así como pola transparencia no referido á información facilitada polas empresas ao respecto dos seus produtos e servizos.
A Estratexia
Estes foros son dúas das medidas de participación, encontro e diálogo permanente co sector máis salientables da Estratexia galega de protección das persoas consumidoras e usuarias 2026-2030, a folla de ruta autonómica integrada por 21 medidas que busca adaptar as políticas públicas de consumo aos cambios sociais, económicos e tecnolóxicos, con especial atención aos colectivos máis vulnerables e aos desafíos derivados da dixitalización, da intelixencia artificial ou da transición ecolóxica.