O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo hoxe un encontro coas principais entidades sociais coas que colabora o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC)
Está prevista a realización de máis de 25 talleres sobre os dereitos básicos dos consumidores e os servizos de subministración de luz e gas, entre outros temas
Santiago de Compostela, 14 de Xuño de 2022.-

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe nunha xornada de traballo coas principais entidades sociais coas que colabora o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) na protección dos consumidores de colectivos vulnerables, coas que está prevista a realización de máis de 25 talleres formativos, centrados en eidos como os dereitos básicos das persoas consumidoras, e as distintas problemáticas relacionadas cos servizos de subministración de luz e gas, entre outros temas.

 

Na xuntanza participaron Cáritas Diocesana de Santiago, Ourense, e Tui-Vigo; a Federación Galega de Asociacións Universitarias Senior (Fegaus); ONCE Galicia e a Asociación Provivenda Galicia. O encontro tiña como obxectivo identificar liñas de traballo conxuntas con estas entidades, coas que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ten en marcha convenios para o desenvolvemento de actividades de carácter formativo e informativo para os consumidores.

 

Os talleres previstos impartiranse tanto de xeito presencial como telemático entre os meses de xuño e novembro, e inclúen formación para persoal e colaboradores das propias entidades, técnicos e persoal de atención; de forma que estes poidan difundir a información e as prácticas de consumo responsable entre os distintos colectivos usuarios e así chegar ao maior número de persoas posible.

 

En base á experiencia e coñecemento das distintas problemáticas que afectan ás persoas consumidoras máis vulnerables, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia encargarase de deseñar e elaborar os contidos dos diferentes talleres e da instrución dos formadores.

Temática:
SubministrosElectricidade