A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou as instalacións que se emprazan na avenida María Victoria Moreno
Vázquez destacou a mellora da accesibilidade da nova ubicación e resaltou o labor que desenvolven os traballadores para dar un servizo de proximidade e de calidade aos usuarios
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) atendeu na cidade de Pontevedra preto de 3670 consultas e tramitou 2159 reclamacións en 2018
Pontevedra, 4 de Xullo de 2019.-

A Xunta inaugurou hoxe en Pontevedra as novas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) que se emprazan na avenida María Victoria Moreno, 43, no andar -1. A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou as novas oficinas nas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu preto de 47.000 euros na súa adecuación.

Vázquez destacou a mellora da accesibilidade das novas instalacións e resaltou o labor que desenvolven cada día os traballadores para dar un servizo de proximidade e de calidade aos usuarios. A directora xeral puxo en valor tamén o traballo da Xunta para defender aos consumidores galegos e para promover entre as xeracións máis novas unha cultura neste eido, destacando que a información e a concienciación son piares clave para poder contar cunha xeración de consumidores responsables e informados.

O traballo na defensa do consumidor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia céntrase no control do mercado, a información e o asesoramento, así como na resolución dos conflitos. Ao longo de 2018, o Instituto Galego de Consumo e da Competencia atendeu na cidade de Pontevedra preto de 3670 consultas e tramitou 2159 reclamacións. 

Temática:
Outros