No certame escolar Consumópolis, que nesta edición se centrou en como os actos de consumo poden cambiar o mundo, resultaron gañadores centros de Pontevedra, Vigo, Zas, Cospeito, Ferrol e Santiago
O IES Celanova Celso Emilio Ferreiro e o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda foron os gañadores do concurso Galicons-net polos seus proxectos sobre consumo e xénero, etiquetaxe e linguaxe publicitaria
Santiago de Compostela, 11 de Novembro de 2020.-

A Xunta vén de facer públicos os gañadores dos concursos escolares Consumópolis e Galicons-net, impulsados polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para promover o consumo responsable entre o estudantado galego.

Por unha banda, na decimo quinta edición de Consumólis, organizada baixo o lema Os teus actos de consumo poden cambiar o mundo, como o farías ti?, participaron case 900 alumnos e alumnas de toda Galicia, que tiveron que deseñar, elaborar e presentar un traballo conxunto sobre consumo responsable que consistiu nun comic. As temáticas na que se centraron os traballos presentados foron os dereitos como persoas consumidoras na publicidade e na etiquetaxe, os criterios e valores que entran en xogo na compra de produtos por internet ou en tenda física, no uso das redes sociais e no tempo de lecer e a seguridade no uso de produtos e servizos.

Establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores traballos en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros. Na categoría correspondente a 5º e 6º curso de primaria clasificáronse en primeiro lugar os alumnos do CEIP de Cabanas, en Pontevedra; e en segundo lugar tamén un equipo do CEIP de Cabanas; mentres que o terceiro premio foi para un equipo do CPR plurilingüe Barreiro de Santo André (Vigo). No tocante á categoría de 1º e 2º curso de ESO, o primeiro premio recaeu no IES Maximino Romero de Lema de Zas (A Coruña); o segundo premio no CP Virxe do Monte de Cospeito (Lugo), e o terceiro premio foi para un equipo do IES Catabois de Ferrol. Na categoría de 3º e 4º de ESO o primeiro premio recaeu no IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela (A Coruña); o segundo e terceiro premio quedaron desertos.

Por outra banda, no marco do certame Galicons-net, o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, realizou co alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria un proxecto sobre linguaxe publicitaria e consumo e xénero titulado Publigualdade, coa finalidade de reflexionar sobre como a publicidade impacta nas vidas dos nenos e nenas, incluso desde as idades máis temperás, facéndoos partícipes de que a publicidade xoga un papel fundamental nos hábitos de consumo e da relación que existe entro o consumo e o xénero.

Na categoría de bacharelato e ciclos formativos, o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro, de Silleda (Pontevedra), centrou o seu proxecto educativo na análise da etiquetaxe dos bens e servizos que se usan e consomen acotío, titulando o mesmo “E ti que tas comprando?”.

Na convocatoria dos premios establécense catro categorías de participación: Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria (esta categoría quedou deserta); Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria; Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas e categoría D: alumnado de educación especial (tamén deserto). O mellor proxecto en cada unha das categorías recibirá un premio en metálico de 1.500 euros. Ademais, a persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Universidade unha certificación de 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Temática:
Outros