O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, participaron no IES Campo de San Alberto nunha xornada para estudantado de 4º da ESO e FP Básica
O obxectivo desta iniciativa, aberta a todos os centros, é achegar ao alumnado os conceptos básicos da factura eléctrica e os seus dereitos como persoas consumidoras
As charlas compleméntanse cun concurso no que se premiará os 50 mellores proxectos cun bono de 100 euros para material escolar
A enerxía eléctrica é o segundo sector que máis reclamacións rexistra cada ano, sumando máis de 2.000 nos nove primeiros meses de 2021
Ademais das charlas nos centros de ensino, a Xunta de Galicia, a través do IGCC, ten en marcha unha campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno
Noia ( A Coruña), 16 de Novembro de 2021.-

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, participaron esta mañá no IES Campo de San Alberto de Noia na presentación da nova campaña sobre a factura da luz dirixida ao alumnado de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Formación Profesional Básica.
Os obxectivos desta iniciativa, aberta a todos os centros que desexen participar, son formar consumidores e consumidoras responsables; e ofrecerlle ao alumnado un primeiro achegamento aos conceptos básicos e hábitos de consumo responsable en relación coa tarifa e factura eléctrica, así como unha aproximación inicial aos seus dereitos como persoas consumidoras; e contribuír a compartir estes coñecementos nos seus fogares.
Ademais de xornadas informativas nos propios centros, a campaña inclúe un concurso no que os estudantes deberán desenvolver un proxecto que recolla os consellos e recomendacións concretas para mellorar a factura da luz no fogar. Os 50 mellores traballos (25 de 4º da ESO e 25 entre o alumnado de FP Básica) recibirán un bono de 100 euros canxeable en material escolar nas librerías radicadas en Galicia que teñan a condición de peme.
A enerxía eléctrica é o segundo sector do que máis reclamacións se rexistran cada ano no Instituto Galego do Consumo e da Competencia, sumando 2.133 nos nove primeiros meses de 2021, o que supón un 16,8% do total. Ademais, ata o 30 de setembro o IGCC atendeu 3.949 consultas neste eido, o 13,2% das reclamacións totais.
Xunto ás charlas nos centros de ensino, a Xunta de Galicia, a través do IGCC, ten en marcha unha campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno.
Ademais de achegar ás persoas consumidoras esta información de xeito presencial e online –a través da aula virtual–, o IGCC, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, elaborou folletos informativos con consellos e orientacións para aforrar na factura da luz, tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta– e creou contidos dixitais na súa web.
O Goberno galego estableceu tamén convenios de colaboración con asociacións de consumidores e usuarios como Brétema, Euroconsumo, Ucgal, Fuciga e Adicae para que estas habilitasen puntos de información gratuíta nas súas instalacións, o que tamén coordinou coas 90 oficinas municipais de información ao consumidor (Omics) existentes en Galicia. A este respecto, a Xunta abriu en xullo de 2021 unha liña de axudas dirixida ás asociacións e federacións de consumidores que realicen actuacións divulgativas, de asesoramento e información na nova factura da luz.
Dado que a subministración de electricidade é unha necesidade básica das persoas, a Xunta tamén presta especial atención aos colectivos máis vulnerables ou en risco de exclusión social. Así, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia levou a cabo actuacións informativas en colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus) –para axudar a persoas de idade avanzada– e con Cáritas –a través da formación do seu persoal na materia–. Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia ampliou este ano ata os 2,1M€ as axudas do bono social eléctrico galego para garantir o servizo nos fogares con máis dificultades.
O IGCC, ademais das súas oficinas repartidas polas sete grandes cidades de Galicia ás cales se pode asistir mediante o sistema de cita previa, conta cun servizo telefónico gratuíto a través do número 900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas de luns a venres. Os consumidores tamén poden enviar as súas dúbidas por correo electrónico ou a través dun formulario que atoparán na web do organismo.

Temática:
SubministrosElectricidade