A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, asinou esta mañá en Santiago de Compostela o acordo entre o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus)
O convenio inclúe a celebración de cinco seminarios, que comezarán no mes de abril nas modalidades presencial, telepresencial e online, sobre temas de interese para as persoas maiores como consellos para mercar a través de internet, contratar viaxes on line ou a factura da luz, entre outros
O IGCC, a través da Escola Galega do Consumo, desenvolve actividades formativas entre a poboación que en 2017 chegaron a máis de 18.000 persoas e nas que participaron, no que vai de ano, preto de 3000
Santiago de Compostela, 21 de Marzo de 2018.-

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, manifestou esta mañá o compromiso da Xunta por fomentar un consumo responsable na poboación galega e, en concreto, entre as persoas maiores, durante a sinatura do convenio de colaboración entre o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors que agrupa ás asociacións de alumnos e ex alumnos dos programas de maiores das tres universidades de Galicia e que nos seus 10 anos de experiencia conta con máis de 2000 persoas maiores usuarias da súa plataforma de teleformación.

Conscientes da importancia de que as persoas maiores sexan coñecedoras dos seus dereitos como persoas consumidoras, as dúas entidades asinan este acordo como resposta a un mercado cada vez máis cambiante e tecnificado, no que se consolidan novas formas de comercio e de contratación -como o comercio electrónico e as ventas a distancia- e cunha oferta cada vez máis variada de diferentes bens e servizos especificamente dirixidos ás persoas maiores.

Deste xeito, o convenio permitirá a realización conxunta de actuacións formativas sobre consumo responsable dirixidas especificamente ás persoas maiores. Así, incluirá a realización de cinco seminarios sobre diferentes temáticas de consumo responsable de interese para as persoas maiores, como consellos para mercar a través de internet, contratar viaxes on line, a factura da luz e o novo bono social, a telefonía móbil, así como os dereitos das persoas consumidoras e usuarias e a resolución de conflitos de consumo, entre outras.

Os seminarios, deseñados e impartidos pola Escola Galega do Consumo en base á súa experiencia e coñecemento das distintas problemáticas das persoas consumidoras, impartiranse a través da plataforma de Fegaus, Ágora Canal Sénior, nas seguintes modalidades: presencial (nas instalacións do IGCC, así como nas instalacións de Fegaus), telepresencial (mediante a propia plataforma de teleformación de Fegaus) e online (na videoteca de Fegaus). Os interesados en asistir a estes seminarios, que se desenvolverán entre abril e setembro deste ano, poderán solicitar a súa reserva de praza a través da plataforma de Fegaus Ágora Canal Sénior, http://canalsenior.es/fegaus/.

As actividades que se impartirán de acordo a este convenio forman parte do programa de accións formativas que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia realiza, a través da Escola Galega do Consumo, para promover o consumo responsable entre a poboación galega, dende escolares ata persoas adultas. As súas actuacións abarcan tanto a educación formal, traballando conxuntamente coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no desenvolvemento dos programas Galicons e Consumópolis, para achegar a educación para o consumo responsable a todos os centros educativos galegos, como a educación informal, colaborando con asociacións de persoas consumidoras e usuarias, con concellos e con diferentes entidades que demanden actividades formativas específicas para fomentar o coñecemento dos seus dereitos polas persoas consumidoras.

Así, durante o ano 2017, participaron nas actividades da Escola Galega do Consumo máis de 18.300 persoas, entre escolares e persoas adultas. No que vai de ano, leva realizado actividades nas que participaron preto de 2.800 persoas. 

Temática:
Outros