A Xunta recibe ao alumnado do IES Coruxo de Vigo no Instituto Galego do Consumo e da Competencia nunha visita enmarcada na Semana do Goberno Aberto
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, recibiu hoxe ao alumnado de 4º da ESO do IES Coruxo de Vigo, que se trasladou á sede do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) para coñecer de primeira man o seu funcionamento. Os máis de 50 rapaces e rapazas de entre 14 e 15 anos que participaron na visita realizaron tamén actividades relacionadas co consumo responsable e a nutrición, sendo os protagonistas nun simulacro de vista arbitral para aprender o funcionamento da arbitraxe como sistema extraxudicial de resolución de conflitos.
O obxectivo da visita é concienciar da importancia da materia de consumo e coñecer a normativa e os dereitos básicos que asisten ás persoas consumidoras e usuarias. Esta acción forma parte das actividades da Semana do Goberno Aberto, unha iniciativa impulsada a nivel mundial co obxectivo principal de achegar as administracións públicas á cidadanía.
Aprendizaxe en materia de consumo
O IGCC, a través da Escola Galega do Consumo, mantén unha permanente colaboración con diferentes centros educativos, desenvolvendo diversas actividades entre as que destacan os concursos Consumópolis e Galicons, postos en marcha coa colaboración da comunidade educativa e coa finalidade de potenciar a educación para o consumo responsable nos centros de ensino, así como motivar un traballo activo e colaborativo do alumnado. A visita de hoxe coincidiu coa publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria de Consumópolis.
Dentro das actividades de formación, o programa Consumo en Ruta leva percorrendo desde abril os concellos de Galicia, informando sobre os dereitos das persoas consumidoras e solventando as dúbidas que se plantexan por parte da veciñanza. Durante esta semana, os municipios de Carballo, Arbo, Cervo, Covelo, Cambados, Pontedeume, Mañón e Becerreá acollerán esta iniciativa. Os horarios e localizacións das actividades formativas pódense consultar na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.