A Xunta recibe representantes do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e do resto de comunidades no Laboratorio de Consumo de Galicia
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañada pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, recibiu hoxe no Laboratorio de Consumo de Galicia os representantes do Goberno central e do resto de comunidades autónomas participantes na 192ª reunión da sección de control de mercado, que se celebrou no marco das actuacións conmemorativas do 30º aniversario tanto do propio laboratorio como do IGCC. Alí, puxo de relevo que o Laboratorio de Consumo de Galicia se consolida como referente no ámbito do control de mercado, sendo o único oficial público na materia que conta coa acreditación ENAC que avalía a competencia técnica para a certificación e a inspección.
Antes da xuntanza, Alén e Vázquez acompañaron as autoridades do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, así como de Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade de Madrid, Murcia, Navarra, Comunidade Valenciana e Cantabria, nunha visita ás instalacións do laboratorio para coñecer os seus procesos e actividades, poñendo en valor que ao longo da súa andaina leva analizado máis de 10.000 referencias no mercado galego, ademais de participar os seus técnicos na elaboración de normas de seguridade a nivel nacional e internacional.
Cómpre destacar que o traballo do Laboratorio de Consumo de Galicia sitúa a nosa Comunidade como líder no control de produtos de consumo. En concreto, no que vai de 2025, este centro detectou 37 artigos inseguros que foron comunicados á Rede de alerta nacional de produtos de consumo non alimenticios e posteriormente retirados da venda, contribuíndo así a un mercado máis seguro. Dentro dos produtos alertados este ano por Galicia destacan os punteiros láser e os xoguetes.
Aproveitando a visita, tanto o director xeral de Comercio e Consumo como a xerente do IGCC agradeceron o esforzo da sección de control de mercado para avanzar na coordinación e na cooperación e acadar o correcto funcionamento dos mercados.