A Xunta reforza a proteción dos consumidores en internet e aumenta os controis nas webs
A Consellería de Economía e Industria está a reforzar os dereitos dos consumidores no eido do comercio electrónico, cunha estratexia baseada en elevar o nivel de protección legal dos consumidores a través da nova Lei de Protección ás Persoas Consumidoras e Usuarias, na vixilancia do mercado a través de controis sobre páxinas web, e na formación coa tecnoloxía máis axeitada e innovadora como os Simuladores de Compra por Internet da Escola Galega de Consumo.
O comercio electrónico é unha opción cada vez máis común entre os consumidores, de xeito que a Xunta está a adaptar as súas estruturas e capacidades, así como a dotarse de instrumentos legais que permitan aos consumidores facer unha defensa eficaz dos seus dereitos e intereses lexítimos neste terreo. O obxectivo deste traballo é que o eComercio sexa unha oportunidade para o consumo responsable e unha opción segura para os consumidores.
A nova Lei adaptada ás novas necesidades O pasado 10 de novembro, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o anteproxecto da nova Lei de Protección ás Persoas Consumidoras e Usuarias. Trátase dunha Lei pioneira que inclúe, entre outras cousas, as novas formas de contratación e compra de produtos e servizos a través das novas tecnoloxías da información e a comunicación, e moi especialmente a través de Internet.
A norma establece que as empresas de internet, polo mero feito de ofrecer bens ou servizos en Galicia, estarán sometidas á lexislación autonómica galega en materia de protección aos consumidores. Ademais, as empresas e profesionais que oferten bens e servizos en internet e non dispoñan de establecementos físicos en Galicia, deberán de ter un número de teléfono totalmente gratuíto e un correo electrónico para que os consumidores poidan presentar as súas reclamacións e dar resposta ás mesmas.
En caso de dúbida coa publicidade, a interpretación é favorable ao consumidor Esta norma tamén establece que toda a publicidade realizada a través de internet debe ser exacta. As empresas deberán ser as que proben a veracidade da devandita publicidade e, en caso de dúbida, haberá unha interpretación favorable ao consumidor.
Por outra banda, o Instituto Galego de Consumo da Consellería de Economía e Industria, dentro do seu plan anual de inspección, realizou actuacións no ámbito do consumo a través de internet, realizando de forma habitual controis sobre páxinas web para detectar posibles prácticas que poidan comprometer os dereitos das persoas consumidoras e usuarias.
Inspeccións permanentes ás webs As cuestións máis reclamadas neste eido teñen que ver coa falta de entrega do produto adquirido ou a entrega dun produto diferente; con problemas no cumprimento dos prazos nas entregas; coa anulación unilateral dos pedidos por parte do comerciante, alegando non ter existencias ou por erros no prezo; así como cos conflitos xerados pola vulneración do dereito de desestimento, que outorga aos consumidores un período de tempo no que poden renunciar á contratación dun determinado servizo, sen custo algún.
As actuacións de inspección realízanse de forma permanente e nelas tamén contrólanse aspectos, como, a existencia de información correcta sobre os responsables e os medios de contacto que figuran nas páxinas, as condicións de contratación e os medios de pago que se admiten. Ademais, actualmente estase a realizar un varrido de páxinas web no que se somete a control o cumprimento do dereito de desestimento e a imposición de cargas abusivas ao consumidor que exerce este dereito.
No marco destas campañas, contrólanse páxinas web de empresas de venda a distancia de roupa, financeiras, servizos de internet, etc. A última levada a cabo detectou o maior número de incumprimentos nos sectores relacionados co transporte aéreo e coas axencias de viaxes.
A formación e a educación a mellor ferramenta Outro dos aspectos importantes é a formación e educación como a mellor ferramenta para que as persoas consumidoras poidan exercer axeitadamente os dereitos que lles asisten no mercado.
De xeito que o IGC, na súa aposta decidida polas TIC e pola innovación, desenvolveu unha serie de materiais didácticos para a Escola Galega de Consumo entre os que destaca o Simulador de Compras en Internet que constitúe un referente para o resto das comunidades autónomas.
Este simulador, simula unha páxina web desde a que se pode facer unha compra virtual para traballar todas as incidencias que poidan presentarse ao consumidor. Pódense definir tantas situacións diferentes de compra como equipos estean conectados, é dicir, cada un dos alumnos/as pode realizar un exercicio personalizado. O simulador conta con 4 módulos adaptados as principais necesidades de consumo na web: o módulo de correo electrónico, o portal bancario, o módulo de atención telefónica e o portal de viaxes.