A iniciativa chega este mes a Ribeira, Carballo, Ordes e Curtis da man do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC)
O obxectivo desta campaña, que combina a modalidade presencial e virtual, é facilitar aos consumidores galegos a información necesaria para aforrar na factura da luz tendo en conta os tres novos períodos horarios
Santiago de Compostela, 13 de Xullo de 2021.-

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) continúa coa súa campaña informativa sobre a nova tarifa eléctrica organizado pola Xunta de Galicia. A próxima cita será mañá no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira, ás 19.00 horas, e o acto estará aberto a todos os veciños e veciñas que desexen información ao respecto.

A vindeira semana, o ciclo de talleres chegará o luns 19 ao Fórum de Carballo –tamén ás 19.00 horas– e o mércores 21 de xullo, ás 19.30 horas, á Casa da Cultura de Ordes. O xoves 29 será no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, en Curtis –20.00 horas–, onde se leve a cabo esta campaña informativa posta en marcha desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Así mesmo, o martes 20 deste mesmo mes, ás 12.30 horas, ofrecerase unha videoconferencia ao respecto a través da aula virtual incluída na web do IGCC. A esta sesión virtual poderán asistir os membros das oficinas municipais de información ao consumidor (Omic), técnicos de Consumo e tamén público en xeral que se rexistre. O xoves 22, á mesma hora, repetirase a charla virtual para os usuarios das Aulas Cemit.

O obxectivo desta campaña é facilitar aos consumidores galegos a información necesaria para aforrar na factura da luz tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa implantada polo Goberno central –val, chairo e punta–, así como para resolver as dúbidas relacionadas, por exemplo, coa contratación de potencia ou o novo recibo da luz.

O IGCC ten previsto levar a cabo preto de 60 talleres por diferentes municipios galegos ao longo deste ano, combinando as modalidades presencial e online, tanto en zonas urbanas como rurais.

Dentro desta campaña informativa, o Instituto Galego de Consumo e da Competencia traballa tamén en novos contidos dixitais e interactivos na súa web, onde xa se pode atopar información referida á nova tarifa, e crearase tamén un apartado de preguntas e respostas, así como consellos e boas prácticas para axustar a factura.

Todos aqueles que precisen más información, poden acudir a calquera oficina que o IGCC ten repartidas polas sete grandes cidades de Galicia, ou ben chamar ao teléfono gratuíto 900 23 11 23, operativo de 9 a 14 horas de luns a venres. Ademais, contan tamén cun correo electrónico no que trasladar as súas dúbidas ao organismo, así como un asistente de reclamacións. Pódese obter máis información e consellos prácticos tamén na web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Temática:
SubministrosElectricidade