O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, transmitiulles hoxe ao presidente da Fegamp, José Manuel Rey, e a alcaldes de concellos afectados pola comercialización de participacións preferentes, que está a resolver todas as aceptacións de arbitraxe remitidas polo banco. Conde manifestou tanto a sensibilidade do presidente da Xunta de Galicia como a súa, con aquelas persoas que foron vítimas dunha malas praxe e os alcaldes dos concellos cunha afectación maior.
Na reunión, na que participaron os alcaldes dos concellos de Tui, O Rosal, A Guarda, Tomiño, Oia, Gondomar, Bueu, Sanxenxo, Boiro e Ribeira, e a tenente de alcalde de Cangas, que tiñan solicitado un encontro co titular de Economía, o conselleiro recordoulles que a Xunta está a defender desde o primeiro momento a arbitraxe de consumo como a solución para que os aforradores que foron enganados recuperen os seus cartos de maneira íntegra.
Francisco Conde recordou que o ritmo de celebración das vistas depende en todo momento das aceptacións do banco, tramitadas con puntualidade polo Instituto Galego de Consumo (IGC), que axusta en todo momento o seu sistema á carga de traballo. É o banco, a través dunha consultora imposta pola UE, a que determina os casos aptos para a arbitraxe.
Tal e como lles comunicou o conselleiro aos alcaldes, a Xunta está a instar ao Banco a que reforce a revisión dos casos que non foron concluíntes nunha primeira fase, de tal maneira que se axilicen as aceptacións e así incrementar desde o IGC o ritmo das arbitraxes e emisión de laudos. Ademais, sinalou que é necesario que a entidade garanta que todos os casos de aforradores sexan tratados da mesma maneira.
Francisco Conde tamén recordou no encontro que aquelas persoas que non acaden unha solución na arbitraxe teñen aberta a vía xudicial e que o canxe non afectará á celebración das arbitraxes.
Galicia foi pioneira na activación desta fórmula, seguida por outras autonomías e que agora se está a pór en marcha en Catalunya Banc e en Bankia. Ata a data 12.000 aforradores galegos recuperaron ou están a recuperar os seus aforros de maneira íntegra grazas á fórmula da arbitraxe, a través da cal están sendo devoltos 220 millóns.