Conde destaca o liderado galego na protección dos consumidores grazas á colaboración entre Xunta, goberno e usuarios
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o liderado galego na protección dos consumidores grazas á colaboración entre Xunta, Goberno e os propios usuarios. Na apertura da Xornada sobre a modificación da lei estatal de consumidores, organizada polo Instituto Galego de Consumo e a Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición, Conde resaltou ese esforzo conxunto como “un traballo dos consumidores para os consumidores”, simbolizado na complementariedade da lei galega de Consumo de 2012 coa lei estatal recentemente aprobada. “A conxunción de ambas ten suposto un impulso moi importante para consolidar un marco de maior protección aos consumidores galegos, maior seguridade xurídica, e maior transparencia no mercado”. O titular de Economía e Industria incidiu en que ambas normas buscan protexer ao consumidor sen ter que acudir á xustiza; facilitar a presentación de reclamacións, ao permitir facelo en Galicia nos establecementos onde se contratan os servizos, como aqueles onde se contratan liñas telefónicas ou se realizan contratos de electricidade; acelerar a resposta das empresas ás reclamacións, acurtando no caso galego os prazos a dúas horas no caso da continuidade de servizos esenciais como a electricidade ou o gas; e, grazas ao impulso da nova lei estatal, protexer mellor os consumidores nas transaccións por Internet. “Son exemplos dun traballo conxunto que ten tres grandes obxectivos: vixiar mellor, formar mellor, e protexer mellor”, sinalou o conselleiro. No eido da vixilancia, Conde subliñou o traballo, dentro do IGC, da Inspección de Consumo e o Laboratorio Galego de Consumo. “Temos en Galicia a vantaxe de contar cun laboratorio verdadeiramente á vangarda española, non só porque é o único oficial público acreditado pola ENAC, senón polos números que avalan o seu labor”, apuntou Conde, resaltando que vai camiño en 2014 de romper o seu récord de análise, con preto de 8.000 ao ano. “Somos cada ano unha das comunidades que máis produtos inseguros detecta porque somos tamén unha das que máis investiga”, engadiu, apuntando que nos dez primeiros meses do ano Galicia notificou máis de 60 produtos á rede de alerta nacional.No eido da formación e para acadar “unha nova xeración de consumidores responsables e informados”, Conde destacou o traballo da Escola Galega de Consumo, que a través de iniciativas como Consumópolis ou Lecer Consumo, formou, no que vai de ano, a preto de 7.000 galegos. Referencia española na arbitraxe E xunto á formación, Conde destacou a protección como rol esencial da administración no eido de Consumo, resolvendo consultas e reclamacións dos usuarios, sancionando cando é necesario e propiciando acordos no posible. O Instituto Galego de Consumo “é en todos estes ámbitos unha verdadeira referencia en España”, dixo o conselleiro, un papel referente que se concreta en 17.800 reclamacións atendidas no que levamos de ano, das que un 45% xa foron resoltas; a posta en marcha de preto de 1.800 expedientes sancionadores nese mesmo período, tres veces máis que en 2011; e a permanente vontade de conseguir solucións máis alá dos procesos xudiciais e as sancións, emitindo este ano máis de 2.800 laudos. Conde incidiu como exemplo do traballo do IGC o seu papel en relación a un dos sectores máis sensibles do ámbito de Consumo en toda España, a enerxía eléctrica. Neste senso, destacou que nos dez primeiros meses do ano, tramitáronse neste eido máis de 3.000 reclamacións, das que un 53% xa foron resoltas de forma favorable para o consumidor. E como consecuencia, sinalou, o IGC abriu máis de 440 expedientes sancionadores, 3 veces máis que en 2012. Ademais, Conde subliñou os avances no ámbito da arbitraxe nas relacións coas compañías de enerxía eléctrica. “Galicia é ano tras ano a comunidade autónoma líder na resolución mediante a vía arbitral, e dese liderado dan conta as preto de 10.700 empresas adheridas á arbitraxe. E este ano conseguimos a adhesión de Gas Natural Fenosa. Galicia é a primeira comunidade na que a empresa se adhire ao sistema arbitral, permitindo que as reclamacións dos clientes poidan resolverse de forma áxil, gratuíta e efectiva”, salientou. Todas esas cifras, defendeu Conde, reforzan o liderado galego no eido do Consumo, que Galicia debe manter enfrontando os riscos cambiantes e impredecibles do mundo moderno,o incremento dos consumidores máis vulnerables e un entorno tecnolóxico que se modifica practicamente a diario. “É necesario responder a estes desafíos porque protexer aos consumidores galegos é protexer ao mesmo futuro de Galicia”, destacou.