A Consellería de Economía e Industria reforza as actividades de formación dos consumidores no eido das compras por internet
A directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto galego de Consumo (IGC), Nava Castro, e a xerente do Instituto, María Jesús Muñoz, presentaron hoxe a programación anual da Escola Galega de Consumo, adscrita á Consellería de Economía e Industria, que este ano ten reforzado as súas actividades orientadas á formación dos consumidores no eido do uso das novas tecnoloxías e as compras por Internet coa presentación dun simulador de contratación e compra a través da rede pioneiro en España.
A formación que se oferta na Escola Galega de Consumo impártese cunha metodoloxía dinámica que abrangue actividades lúdicas orientadas ao aprendizaxe de diversas competencias para que os consumidores sexan quen de asumir e resolver situacións cotiás. Nas aulas da EGC se traballa na aclaración de conceptos, investigación da realidade, potenciamento de conductas solidarias e fomento da consciencia de consumidor con dereitos e deberes. Ademais, este centro ten por obxectivo diversificar a súa oferta formativa a todos os colectivos da sociedade galega, facilitar a realización de actividades formativas nun espazo físico con formadores especializados, recursos e materiais didácticos axeitados e impulsar a utilización das TICs no eido do consumo.
A EGC, situada na sé do Instituto Galego de Consumo, está aberta a todas as persoas e colectivos de consumidores que demanden formación, entre os que cómpre destacar oscentros escolares de niveis non universitarios, as diferentes asociacións, as persoas conalgunha discapacidade que precisan de atencións especiais e os profesionais do consumo.
As actividades formativas ofertadas pola EGC agrúpanse en diferentes áreas, como a de consulta e información, que dispón dunha mediateca con libros, revistas e materiais didácticos en soporte multimedia, publicada na rede web de Bibliotecas Meiga da Consellería de Cultura; a aula polivalente de formación, na que se imparten cursos técnicos xerais, e seminarios dirixidos a profesionais de consumo; e as aulas de obradoiros para traballar en actividades relacionadas cos dereitos dos consumidores, a alimentación, o etiquetado e a seguridade de produtos industriais, a publicidade, a comunicación e as TICs.
As instalacións da Escola están axeitadas para poder levar a cabo actividades de aprendizaxe en consumo ante situacións reais como facer a compra no supermercado ou por Internet, poñer unha reclamación ou grabar un anuncio publicitario. Ademais, na EGC se está a desenvolver un simulador de compra pioneiro en España, co que vai ser posible reproducir diferentes comportamentos dos consumidores fronte a este tipo de situacións, coa presentación de exemplos das situacións cotiás e as problemáticas coas que se poden atopar os usuarios.
O simulador de compras é unha ferramenta dirixida á formación en comercio electrónico, cun sistema que simula unha tenda virtual e unha zona de administración para configurar o sistema, e ter un control sobre as accións dos usuarios. Ademais, a tenda virtual engádenselle outros módulos como o de correo electrónico, o portal bancario e o servizo de atención telefónica, para simular un contorno o máis real posible no eido do comercio electrónico, ca finalidade de que os participantes nestas actividades poidan coñecer as formas máis axeitadas de actuación neste tipo de contratacións. A esta ferramenta, se engadirá, en breve, unha tenda de contratación de viaxes por ser este o servizo de compra en-liña máis utilizado polos usuarios.
Formación para todos os colectivos sociais
Outra das novidades deste curso é que a oferta para participar nas actividades e obradoiros formativos da Escola Galega de Consumo envíase e diríxese ao conxunto da poboación, a través das asociacións e federacións que aglutinan a distintos colectivos, mentres que con anterioridade se centraban nos centros escolares.
Antes de pechar o exercicio en curso, xa teñen participado neste ano 5.226 consumidores nas actividades de EGC (unha cifra que supera nun 5% as acadadas no mesmo período de 2008), dos que 4.250 son alumnos e profesores do ámbito da educación formal, mentres que 976 pertencen a outros colectivos como persoas maiores, concellos, adultos, alumnos de programas de formación ocupacional e asociacións de nais e pais de alumnos; unhas cifras que, segundo as previsións do Instituto Galego de Consumo, incrementaranse nun 15% no ano 2010, tendo en conta que a oferta formativa amplíase a outros colectivos, entre os que cómpre destacar ás organizacións de persoas con discapacidade e aos consumidores cun baixo nivel adquisitivo.
Na programación da Escola Galega de Consumo, ofértanse diferentes actividades axeitadas aos diversos grupos de idade. Así, dos 3 aos 6 anos, ofrécense obradoiros sobre a pirámide dos alimentos para fomentar unha dieta equilibrada entre os máis pequenos, ao mesmo tempo que se lles da a oportunidade de fabricar o seu propio xoguete seguro e de etiquetalo para poder facer un uso responsable do mesmo. Dos 6 aos 12 anos, os rapaces tamén poderán fabricar xoguetes, traballar coa pirámide alimentaria e aprender a escoller un videoxogo, tendo en conta que, antes de mercalo, cómpre coñecer e interpretar o seu etiquetado.
Dos 12 aos 16 anos, ofértanse actividades para deseñar un videoxogo; aprender a ler as etiquetas; coñecer os alimentos que se consumen, cos procesos e métodos de conservación que se lles aplican, e xestionar o tempo de ocio. Dos 16 aos 18 anos, a EGC centrase na aprendizaxe dos mecanismos de contratación de viaxes, as compras por Internet e a publicidade. Por último, as persoas adultas tamén poderán formarse nos hábitos de consumo alimenticios, na contracción de viaxes e no xeito de facer compras seguras pola rede.
Con este tipo de iniciativas, a Consellería de Economía e Industria quere fomentar a educación para o consumo, porque esta é unha parte central da formación integral que debe acompañar permanentemente aos consumidores na adquisición de coñecementos e no desenvolvemento de capacidades e actitudes que os orienten na toma de decisións de consumo de xeito consciente e reflexivo.