O Instituto Galego de Consumo inspeccionará unha mostra do 50% dos establecementos de compravenda e casas de empeño que existen en Galicia
O IGC no marco destas actuacións comprobará as balanzas de precisión que se utilizan nestes locais, controlará a información que se aporta ao consumidor e confirmará a autenticidade das pezas
As autoridades de consumo solicitarán a colaboración das forzas de seguridade, tanto Policía Nacional como Autonómica, e trasladaranlles a información detectada sobre actividades que poidan resultar fraudulentas
A Consellería levará a cabo as actuacións de control nos dous primeiros trimestres do ano 2012
Santiago, 2 de Xaneiro de 2012.-

A Consellería de Economía e Industria pon en marcha unha campaña de protección aos consumidores nas operacións de compra-venda de metais preciosos e nas casas de empeño deste tipo de produtos. A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro, anunciou hoxe que a Consellería vai levar a cabo unha serie de actuacións de control, nos dous primeiros trimestres do 2012.

O obxectivo desta iniciativa é coñecer a situación do sector, corrixir situacións de falta de cumprimento e informar das obrigas existentes en relación cos dereitos dos consumidores e usuarios. Neste sentido, a presidenta do IGC lembrou que, en moitas ocasións, os clientes deste tipo de establecementos son consumidores que están a atravesar momentos de dificultade económica, de xeito que cómpre elevar o seu nivel de protección.

As inspeccións faranse nunha mostra do 50% dos establecementos de compravenda e casas de empeño que existen en Galicia e para o axeitado desenvolvemento destas actuacións as autoridades de consumo solicitarán a colaboración doutros órganos que poidan ter competencias e implicacións na materia, sobre todo das forzas de seguridade, tanto Policía Nacional como Autonómica. Ademais, o IGC solicitará colaboración ao Laboratorio de Metroloxía de Galicia xa que parte das inspeccións consistirán na comprobación das balanzas de precisión que se utilizan nestes locais.

Nestas actuacións tamén se vixiará o uso fraudulento de logos oficiais da Comunidade Autónoma ou dos seus organismos, comprobando que todas as pezas estean marcadas cun punzado (logo ou sinal) que certifica cal é o seu material, para evitar fraudes con pezas sen marcar ou con punzados dubidosos.

Ademais, desde o IGC trasladarase a información recadada sobre feitos que poidan constituír un delicto ás Direccións Xerais da Policía e da Garda Civil, de xeito que se terá en conta a documentación que precisa a orixe das mercadorías para evitar, por exemplo, que se poñen á venda pezas roubadas.

Por outra banda, estas inspeccións terán moi en conta a información que se lle fai chegar aos consumidores como a publicidade sobre o prezo dos metais ou sobre a existencia de follas de reclamación.

Temática:
Outros