A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Nava Castro, destacou esta mañá na presentación dunha guía útil para un correcto uso das liñas de tarificación adicional 905, froito da colaboración do Instituto Galego de Consumo coa Federación Galega de Euroconsumo, a importancia da información dos consumidores para unha protección efectiva dos seus dereitos.
Neste sentido, subliñou a importante labor que están a facer as diferentes asociacións de consumidores e usuarios en Galicia, en colaboración coa Xunta, e explicou que a guía que hoxe se presenta é o resultado do apoio do Instituto Galego de Consumo á Federación Galega de Euroconsumo desde o ano 2010 para a posta en marcha dun observatorio referente a concursos televisivos e liñas 905. Neste observatorio analizouse o cumprimento da normativa, as prácticas comerciais e a documentación que supoña vulneración dos dereitos dos consumidores.
Froito deste traballo de investigación, que incluíu unha enquisa a nivel autonómico na que se constatou que moitas das persoas que fixeron uso dos números de tarificación adicional pagaron máis do que consumiron pero non reclamaron por descoñecemento, elaborouse esta guía nun acto no que, ademais de Nava Castro, participaron a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz; a presidenta da Federación Galega de Euroconsumo, Aurora Lamas; e Berta García Orosa, profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación.
No documento explicase que a tarificación adicional se corresponde cos números de teléfono cun determinado código que supoñen para os usuarios unha retribución específica e que se engade ao custo do servizo de chamada, e que todos comezan por 905, 803, 806, 807 e 907, aínda que cada vez máis se están incluíndo números para enviar mensaxes tamén cun custo adicional.
Tamén se recollen os dereitos dos consumidores, informando de que as facturas teñen que estar obrigatoriamente desglosadas e especificado o custo das chamadas, aportando información sobre o titular do servizo ou do operador de rede. Ademais, durante a chamada os usuarios deben estar informados en todo momento do custe do minuto por chamada, así como da identidade do responsable da prestación do servizo.
Os servizos de tarificación adicional terán unha duración máxima de 30 minutos, salvo os da infancia e concursos que terán un máximo de 8 e 5 minutos respectivamente, estando obrigado o prestador do servizo a cortar a comunicación transcurrido ese tempo.
Na guía, que vai ser distribuída por toda Galicia, tamén se indican as distintas alternativas de reclamación para aqueles usuarios que vexan vulnerados os seus dereitos na utilización destas liñas, entre as que se inclúen as reclamacións por vía arbitral ou xudicial para indemnizacións e reclamacións; ou a denuncia contra o titular do servizo de tarificación adicional, que se tramita pola Secretaría de Estado de Telecomunicaciones y para la Sociedad de la Información.
Todos os usuarios e consumidores que desexen obter máis información poden dirixirse tanto ás oficinas do Instituto Galego de Consumo, que dispón dun teléfono de información ao consumidor gratuíto, o 900231123, como á Unión de Consumidores Europeos de Galicia, así como ás demais oficinas de consumo e asociacións de consumidores.
Información sobre as preferentes Ao acto de presentación, que se celebrou na sede do IGC, asistiron membros da Federación Galega de Euroconsumo, así como da Asociación Galega de Pensionistas, a quen se informou tamén sobre a comercialización de participacións preferentes, como parte da constante labor de información e asesoramento que está a desenvolver desde o primeiro momento o Instituto Galego de Consumo, que traballa en todos os campos posibles para conseguir que os afectados recuperen os seus cartos.