Economía e Industria incrementará o control sobre as liñas 905 de TV para defender os intereses dos consumidores galegos

14/Feb/2011
Santiago
Nava Castro, na presentación dos resultados do Observatorio sobre as liñas 905

A Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra incrementará o control sobre as liñas 905 de TV para defender os intereses dos consumidores neste eido. Así o desvelaron hoxe a directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo (IGC), Nava Castro, e a xerente do instituto, María Jesús Muñoz, en rolda de prensa.

Nava Castro avanzou que o departamento que dirixe Javier Guerra porá en marcha unha campaña de inspección sobre o emprego destas liñas e requerirá das cadeas de TV que empreguen este tipo de números que se axusten á normativa para dotar dunha maior claridade a súa información de cara ao consumidor.

Asemade, segundo adiantou a directora xeral de Comercio, levarase a cabo unha campaña informativa sobre os dereitos dos consumidores fronte a estas liñas 905, e poranse en marcha talleres específicos no marco do plan anual da Escola Galega de Consumo co obxectivo último de incrementar o nivel de formación e información dos consumidores.

As accións que emprenderá a Consellería de Economía e Industria veñen dadas trala información recollida polo traballo neste eido efectuado polo Observatorio de Concursos e Premios, impulsado polo departamento de Javier Guerra con 90.000 euros, a través da Federación Galega de Euroconsumo.

O traballo do observatorio, que analizou 863 programas en todas as franxas horarias e realizou chamadas a cada programa seleccionado o pasado ano, permitiu desvelar que “existen claros obstáculos para a correcta lectura da información legal, como tipografía confusa, falta de nitidez, emprego de abreviaturas e tempo mínimo de presenza en pantalla”, explicou a directora xeral de Comercio e presidenta do IGC, Nava Castro.

Ademais, insistiu Nava Castro, “as liñas 905 seguen dispoñibles unha vez rematado o programa ou unha determinada promoción, observándose prácticas que se manteñen á marxe da normativa nun terreo pouco preciso posto que non existe unha delimitación de tempo no uso destas liñas”.

O traballo do Observatorio posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria permitiu tamén a elaboración dunha enquisa sobre as liñas 905 para coñecer a percepción da xente sobre este tema, “e o 69% dos consumidores non coñece os seus dereitos como usuarios destes servizos, e o 77% descoñece a posibilidade real de evitar conectar con estas liñas en función do seu contrato telefónico”.

Nava Castro salientou a importancia do traballo deste observatorio creado polo departamento que dirixe Javier Guerra, e lembrou que é un dos sete que a Consellería de Economía e Industria impulsou o pasado ano en colaboración coas federacións de consumidores para recabar datos e análises sobre “prezos, talleres de reparación de vehículos, transporte aéreo, produtos e servizos financeiros, créditos hipotecarios e servizos de intermediación e garantías e bens de consumo”.

A directora xeral de Comercio apuntou que o investimento de 435.000 euros da Consellería de Economía para a posta en marcha destes observatorios “reportará un beneficio directo aos consumidores galegos, posto que permitirá a Administración detectar problemas concretos en aspectos moi relevantes e adoptar medidas para erradicar prácticas abusivas e contribuír a conformar un mercado máis transparente, seguro e competitivo”.

Área temática

Galería de imaxes