O Instituto Galego de Consumo ofrece mañá mércores no Porriño e o xoves en Arbo charlas nas que se informará e atenderá as consultas dos consumidores
Mos e Salvaterra do Miño acolleron xa estes encontros, nos que se entrega aos afectados cuestionarios de reclamacións para axilizar a súa tramitación
Esta medida contémplase no plan de acción que a Xunta está a desenvolver para reforzar a protección dos afectados pola comercialización deste produto financeiro
Pontevedra, 10 de Abril de 2012.-

A Consellería de Economía e Industria, que desde o primeiro momento está a desenvolver unha completa estratexia de apoio aos afectados pola comercialización de participacións preferentes, está a organizar sesións informativas en distintas localidades para asesorar de xeito persoal a estes consumidores. Refórzase así a labor de información e asesoramento que se está a desenvolver no Instituto Galego de Consumo, con presenza nas sete cidades galegas, en coordinación tamén coas oficinas provinciais e municipais de atención ao consumidor, así como nos novos puntos comarcais de asesoramento especializado.

Nestas sesións, que xa tiveron lugar en Mos e en Salvaterra do Miño, ofrécese información e asesoramento, atendendo as consultas dos asistentes. Ademais, incluirán a entrega de formularios de cara a axilizar ao máximo a presentación e tramitación das reclamacións nas oficinas de consumo. Para este mércores, día 11, está programada unha sesión no Porriño, que terá lugar ás 19 horas no multiusos de Torneiro. O xoves, día 12, celebrarase outra charla ás 20:30 horas no salón de plenos de Arbo.

Esta iniciativa enmárcase dentro do plan de acción que está a desenvolver o goberno galego para avanzar na solución deste asunto que afecta a miles de galegos. Desde a Consellería de Economía leváronse a cabo accións para reforzar a formación de especialistas para garantir un bo servizo informativo a disposición dos consumidores afectados, e mantivéronse encontros coa Fiscalía, coas asociacións de consumidores e coas entidades financeiras para avanzar nas solucións deste asunto, ao tempo que se están a tramitar as reclamacións ás entidades bancarias e administracións competentes (Banco de España, CNMV).

Ademais, para reforzar a protección dos intereses dos afectados puxéronse en marcha puntos comarcais específicos de asesoramento especializado naquelas comarcas onde se está a detectar unha maior demanda de atención. Estes centros de atención aos afectados pola comercialización de participacións preferentes complementan a labor de apoio e asesoramento que se está facendo de forma continua e desde o primeiro momento no Instituto Galego de Consumo, con presenza nas sete cidades galegas, en coordinación tamén coas oficinas provinciais e municipais de atención ao consumidor, que conforman unha rede de preto de cen oficinas, así como coas asociacións de consumidores.

Nestas oficinas comarcais, que botaron a andar xa en Ponteareas, O Rosal, Vilagarcía de Arousa e Cangas, ofrécese un servizo que inclúe asesoramento, información e recollida de reclamacións, dando servizo a todos os concellos das súas respectivas zonas.

Os consumidores que queiran recibir atención personalizada poden facelo nas oficinas do Instituto Galego de Consumo, nas oficinas municipais e provinciais de información ao consumidor e nos propios concellos onde están ubicados os novos puntos de asesoramento, así como nas asociacións de consumidores.

Temática:
Outros