O Instituto Galego de Consumo ten previsto realizar actuacións específicas de control na comercialización de xoguetes e marisco
A Xunta porá tamén en marcha controis para garantir a seguridade dos adornos de Nadal coa colaboración do Laboratorio Galego de Consumo, que analizará as mostras recollidas polos inspectores
Vinte grupos e 400 persoas, representantes de diferentes colectivos galegos, participarán en obradoiros para extremar as precaucións como consumidores durante estas datas
Santiago, 12 de Decembro de 2009.-

A directora xeral de Comercio e presidenta do
Instituto Galego de Consumo (IGC), Nava Castro, e a xerente deste instituto, María Jesús
Muñoz, presentaron hoxe en Santiago a campaña Infonadal-Consumo, da Consellería de
Economía e Industria, co obxectivo de implementar unha serie de actuacións específicas
orientadas a garantir a seguridade dos consumidores galegos durante as festas do Nadal.

Tal e como xa avanzara o departamento que dirixe Javier Guerra, o Instituto Galego de
Consumo (IGC) ten previsto realizar accións de control específico para reforzar dun xeito
especial os aspectos informativos e de control e vixilancia do mercado para intensificar as
inspeccións relacionadas cos produtos de marisqueo e coa venda directa de xoguetes.

As razóns que levan á Consellería de Economía e Industria a extremar os controis sobre a
venda de marisco residen na necesidade que existe de erradicar dos nosos mercados os
produtos procedentes do furtivismo, que non só supoñen unha fraude de cara ao
consumidor, senón que entrañan un serio risco para a saúde dos galegos e das galegas.
Estas medidas de control contribuirán tamén a frear o furtivismo nas rías galegas e revertirán
dun xeito beneficioso sobre o sector.

O Goberno da Xunta resalta a importancia de consumir produtos que pasen todos os
controis hixiénico sanitarios, tal e como garante o sistema de comercialización e
depuración empregados en Galicia, e adquiridos polas vías comerciais ordinarias e legais.
A actividade dos furtivos prexudica o traballo das persoas que pagan os seus impostos de
maneira legal, e dende o Goberno autonómico apélase á concienciación cidadá para que se
consuma a través das canles legais de comercialización e se defenda a actividade dos
profesionais. A Xunta pretende que o furtivismo sexa tipificado como delicto e estase a
traballar coa fiscalía de Medioambiente para que se modifique o código penal nesta materia,
xa que esta actividade ilegal pode provocar, nalgúns casos, danos para a saúde pública.

No caso dos xoguetes, e aínda que os controis lévanse a cabo durante todo o ano, a
Consellería de Economía e Industria, da man do IGC, intensificará as inspeccións nos
puntos de venda, posto que este tipo de produtos, que multiplican a súa presenza no
mercado durante as datas de Nadal, están dirixidos aos máis pequenos da casa, os
consumidores máis débiles.

No marco desta iniciativa, a Inspección de Consumo vén de emprender, ademais das
accións permanentes que xa se desenvolven dun xeito habitual, unha campaña de
inspección das condicións finais de venda do marisco; unha campaña de inspección de
xoguetes dirixida, dun xeito especial, aos que están orientados a menores de 36 meses para
comprobar as súas condicións de seguridade e verificar que non foran incluidos na rede de
alerta; unha campaña de control das condicións de seguridade dos adornos musicais de
Nadal mediante a súa análise no Laboratorio Galego de Consumo, que tamén verificará a
seguridade das guirnaldas en base as mostras tomadas polos inspectores do IGC.

Actuacións de carácter formativo
Todas estas actuacións da Consellería de Economía e Industria teñen como obxectivo último
garantir aos consumidores galegos a saúde e a seguridade durante as datas de Nadal. Por
este motivo, e ademais dos controis, o IGC pon en marcha ata o próximo 22 de decembro
unha serie de actuacións formativas de carácter práctico destinadas aos colectivos de
consumidores relacionadas coas compras de Nadal e, de xeito moi especial, coa adquisición
de marisco e de xoguetes.

Esta iniciativa consiste na realización de dous obradoiros: un sobre a elección de xoguetes e
outro sobre a compra de marisco e o furtivismo nas rías galegas. Os obradoiros teñen unha
duración de dúas horas e están dirixidos ás asociacións de consumidores, asociacións de
pais e nais, asociacións xuvenís ou colectivos de persoas maiores. Serán, en total, 20
grupos que reunirán a 400 persoas.

No obradoiro de compra de marisco incidirase dun xeito especial na importancia dos
aspectos relacionados co etiquetado, tallas mínimas, garantías e procedencia deste tipo de
produtos, así como os perigos que pode supoñer a súa adquisición fóra das canles normais
e autorizadas de comercialización. Polo que respecta ao obradoiro de xoguetes, o IGC
tratará temas como a seguridade, o etiquetado, recomendacións por idade e sexo, e os
dereitos que nos asisten cando compramos estes produtos para os máis pequenos da casa.

Cómpre salientar tamén que a programación anual da Escola Galega de Consumo, adscrita
á Consellería de Economía e Industria, ten reforzado este ano as súas actividades
orientadas á formación dos consumidores no eido do uso das novas tecnoloxías e as
compras por Internet, que medran durante o Nadal, coa presentación dun simulador de
contratación e compra a través da rede pioneiro en España.

O simulador de compras é unha ferramenta dirixida á formación en comercio electrónico, cun
sistema que simula unha tenda virtual e unha zona de administración para configurar o
sistema, e ter un control sobre as accións dos usuarios. Ademais, a tenda virtual
engádenselle outros módulos como o de correo electrónico, o portal bancario e o servizo de
atención telefónica, para simular un contorno o máis real posible no eido do comercio
electrónico, coa finalidade de que os participantes nestas actividades poidan coñecer as
formas máis axeitadas de actuación neste tipo de contratacións. A esta ferramenta, se
engadirá, en breve, unha tenda de contratación de viaxes por ser este o servizo de compra
en-liña máis utilizado polos usuarios.

Adxúntanse consellos para a compra de xoguetes e consellos xerais para as compras
de Nadal.

CONSELLOS PARA A COMPRA DE XOGUETES
-É convinte conceder prioridade a xoguetes de tipo educativo que estimulen a imaxinación e
a interacción con outros rapaces, evitando os que teñen carácter sexista ou bélico.
-Canto máis diversifiquemos a compra de xoguetes, máis evitaremos a saturación do cativo.
-Asegurarse de que o xoguete é seguro, comprobando que no seu etiquetado figura a marca
CE (declaración do fabricante de que o xoguete cumpre os requisitos de seguridade que lle
son aplicables), a dirección do fabricante ou do importador, as instrucións de uso e as
advertencias necesarias para o seu uso seguro expresadas nas linguas oficiais de Galicia.
-Débese escoller o xoguete máis axeitado para a idade do rapaz, observando as
advertencias que presente o artigo a este respecto, xa que se foron deseñados para os
maiores poden causar graves danos aos máis pequenos polo desprendemento de pezas,
por exemplo.
-Supervisar o xogo dos nenos para evitar accidentes e poder transmitirlles hábitos seguros.

-Si se atopa no mercado un produto que xa provocara danos ou do que desconfiemos pola
súa inseguridade, debemos comunicalo ás autoridades de consumo co obxectivo de evitar
accidentes.

CONSELLOS PARA COMPRAS DE NADAL
-Antes de realizar as compras é convinte facer un presuposto acorde coas nosas
posibilidades para evitar o sobre endebedamento.
-Hai que ter en conta que moitos produtos incrementan o prezo durante o Nadal, polo que
resulta rentable comparar prezos.
-Non deixarse levar pola publicidade ou polos impulsos á hora de comprar, e evitar os
produtos innecesarios. A publicidade vincula ao anunciante: é dicir, ten que entregar
exactamente aquelo que publicita; de ahí a importancia de conservar os catálogos
comerciais e a publicidade.
-Salvo que anuncie outra cousa, o establecemento comercial non está na obriga de cambiar
o produto nin de devolver os cartos. Só se pode pedir o cambio se o produto non cumpre
coas características coas que se plubicita ou é defectuoso. Tamén pódese pedir o cambio en
caso de que a venda esté condicionada a poder ter a proba o produto. Nas compras
realizadas por catálogo ou internet, o consumidor dispón dun prazo de 7 días para examinar
o produto e comunicar o seu desexo de devolvelo sin que se poida solicitar pago algún por
exercer este dereito.
-Ter presentes sempre as regras de ouro do consumidor responsable: Reducir, reutilizar e
reciclar.
-A Lei establece un prazo de garantía de dous anos si se adquire un produto novo e de un
ano si é de segunda man. O fabricante ou vendedor pode ofrecer unha garantía comercial a
maiores que debe constar por escrito e ser detallada.
-Para evitar problemas é recomendable evitar os créditos, e si se usa a tarxeta hai que levar
conta do que se leva gastado. Neste caso, é necesario gardar os recibos das compras
pagadas coa tarxeta para contrastalos coa información bancaria.
-Deben existir follas de reclamacións nos establecementos comerciais.
-É moi importante conservar o ticket de compra de cara a unha posible reclamación. Para
poder presentala o cidadán pode acudir a calquera asociación de consumidores, ás oficinas
municipais de consumo ou a calquera dos servizos que o IGC pon a súa disposición nas
sete grandes cidades galegas, ou ben informarse no teléfono gratuíto 900 23 11 23.
-Comprar en establecementos adheridos ao sistema arbitral de consumo outorga unha
garantía adicional.

 

Temática:
Outros