Javier Guerra formaliza a posta en marcha da primeira oficina provincial de consumo de Galicia en Pontevedra
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra
Fernández, e o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán Abal,
formalizaron hoxe a sinatura do convenio de colaboración que permitirá activar de xeito
pioneiro en Galicia e en Pontevedra a primeira Oficina Provincial de Información ao
Consumidor (Opic) no marco dun conxunto de accións dinamizadoras e de coordinación das
accións a prol dos consumidores que se estenderá posteriormente a outras deputacións
galegas.
A posta en marcha deste servizo da resposta a un dos compromisos prioritarios do
departamento que dirixe Javier Guerra: mellorar o servizo de atención e información aos
consumidores galegos dun xeito coordinado. Así, explicou o conselleiro, establécese unha
rede provincial profesionalizada de información ao consumidor, coa Opic como punta de
lanza e coordinando o traballo das oficinas municipais de información ao consumidor, e
promocionarase a difusión da mediación e do sistema arbitral de consumo de Galicia na
provincia de Pontevedra e de diferentes accións de formación e educación en materia de
consumo .
Na provincia de Pontevedra estanse a recibir o 36% das reclamacións de consumo e máis
da metade das solicitudes de arbitraxe presentadas en toda Galicia, asemade o concello de
Pontevedra é o único das sete grandes cidades de Galicia que non dispón dunha OMIC.
Esta oficina provincial de información ao consumidor prestará servizo e asesoramento aos
cidadáns da capital e aos concellos da provincia, de xeito especial aos que non teñan OMIC
e, en particular, aos de menos de 5.000 habitantes.
Na oficina, con sé na Deputación Provincial, atenderase de maneira directa aos
consumidores e usuarios da cidade, cubrindo así as carencias do concello, e da provincia e
promoverase a resolución extraxudicial dos conflitos e as reclamacións dos consumidores e
usuarios da provincia.
A Deputación provincial de Pontevedra exercerá labores de asesoramento e colaborará co
Instituto Galego de Consumo para sentar as bases dunha mellor atención ao consumidor na
Provincia de Pontevedra, coa finalidade de que se poñan en marcha actuacións de
inspección de consumo e control do mercado, transmisión de información e detección de
produtos inseguros, mais asesoramento e formación sobre seguridade dos mesmos.
A Consellería de Economía e Industria a través da futura rede de Oficinas Provinciais de
Información ao Consumidor, que coordinarán o traballo das oficinas municipais de atención
ao consumidor, é conformar unha rede de alerta de produtos inseguros e traballar en rede
no eido do consumo, o que supón atender as necesidades dos cidadáns dun xeito
coordinado, integral e localizado con respostas concretas .
Máis accións
Esta acción pioneira súmase á recente presentación do novo plan de financiamento das
asociacións e federacións de consumidores de Galicia, que dota con 605.000 euros, un 27%
máis que no pasado exercizo, a estes colectivos co obxectivo de impulsar a mediación como
fórmula de resolución de conflitos naqueles sectores considerados clave no marco do
diálogo cos representantes dos consumidores a través da creación, por primeira vez en
Galicia, de 6 observatorios de ámbito autonómico.
Ademais, Pontevedra xa conta tamén co pioneiro proxecto Re-dic, que se implanta nun
primeiro momento nesta provincia e estenderase posteriormente a outras zonas de Galicia, e
que cunha achega da consellería que dirixe Javier Guerra superior aos 400.000 euros
responde aos obxectivos de descentralización das políticas comerciais, acadando a
proximidade ao comerciante coordinando as políticas autonómicas, provincias e locais cunha
mellora da información e asesoramento aos comerciantes, ademais de procurar a necesaria
dinamización comercial.
A Consellería de Economía e Industria, a través da re-Dic e da Opic, que se estenderán a
toda Galicia, logrará un dobre obxectivo, posto que por unha banda facilita aos pequenos
emprendedores coñecementos útiles para afrontar a actual conxuntura económica e mellorar
a xestión dos seus negocios, ao mesmo tempo que protexe os dereitos dos consumidores
reforzando as estruturas administrativas encargadas de controlar os produtos do mercado e
atendendo as reclamacións dos cidadáns en materia de consumo facilitándolles a
información que precisan.