A Consellería de Economía e Industria está a levar a cabo un labor continuado, por medio do Instituto Galego de Consumo, na información, asesoramento e tramitación das reclamacións
Ao abeiro desta estratexia a Inspección de Consumo investigará a forma de comercialización deste produto
O Goberno galego tamén propón a vía extraxudicial da arbitraxe para resolver dun xeito máis áxil os conflitos xurdidos
A Xunta ten reforzado á formación dos especialistas no asesoramento aos consumidores cun seminario sobre as preferentes e tamén elaborou guías específicas que xa están ao dispor dos consumidores galegos
20 de Marzo de 2012.-

A Consellería de Economía e Industria levou hoxe un informe do Instituto Galego de Consumo ao Consello da Xunta de Galicia sobre o plan de acción que inclúe as medidas que o Goberno galego xa ten levado a cabo e máis as que porá en marcha para continuar a defender aos consumidores afectados pola comercialización das participacións preferentes en Galicia, emitidas polas entidades financeiras, fundamentalmente entre 2005 e 2008, nos que se emitiron preto do 75% destes produtos. 

Ante a situación xurdida coas participación preferentes a Xunta de Galicia ten prestado, dende o primeiro momento, un apoio decidido aos consumidores que aseguran non ter recibido a información axeitada cando realizaron estes investimentos. O informe inclúe as actuacións que se levarán a cabo dende a Xunta para continuar desenvolvendo este plan de acción da Consellería de Economía e Industria en defensa dos consumidores ante estes produtos financeiros. 

A estratexia inclúe reunións e encontros do Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e dos responsables de Consumo da Xunta coas asociacións de consumidores e asociacións de afectados, cos responsables das entidades financeiras e co Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de cara a analizar as posibles fórmulas de colaboración entre o IGC e o Ministerio Fiscal, no eido das preferentes. Por outra banda, co obxectivo de axilizar a resolución dos conflitos xurdidos proponse a vía extraxudicial da arbitraxe.  

Ademais, continuarase co labor da Consellería na información e asesoramento aos adquirentes, así como coa tramitación das reclamacións a través do IGC ao servizo de atención ao cliente e a CNMV e a Inspección de Consumo investigará a forma de comercialización deste produto.

Segundo os datos do Observatorio sobre produtos financeiros, creado en 2010 polo Instituto Galego de Consumo da Xunta en colaboración coa Asociación de Consumidores Adicae, especializada neste eido, estímase que os afectados en Galicia pola emisión deste produto poderían superar os 70.000 consumidores, o que supón un total de 1.080 millóns de euros aproximadamente.

Actuacións en defensa dos consumidores O informe presentado hoxe no Consello da Xunta tamén recolle as actuación do Goberno galego desde o momento no que tivo coñecemento da situación xerada aos consumidores. Deste xeito, o IGC facilitou e facilita asesoramento aos afectados que o solicitan e canaliza e tramita as súas reclamacións aos organismos competentes, entre os que se encontra o Banco de España e a CNMV. Ademais, a través do Observatorio de produtos e servizos financeiros atendese tamén aos afectados. 

Ademais, a Xunta ten afondado na formación especializada neste eido, cun seminario de formación en marzo destinado aos profesionais de consumo que realizan o labor directo de atención ao consumidor, nas oficinas de consumo de concellos, asociacións de consumidores e nas propias oficinas do IGC, na que participaron 62 especialistas. 

Por outra banda, para achegar directamente á información aos consumidores elaborouse unha guía informativa sobre as participacións preferentes que xa está a ser distribuída. As guías tamén inclúen información sobre as diferentes vías de reclamación.

 

Temática:
Outros