Javier Guerra salienta o traballo da xunta na protección dos dereitos dos consumidores e no control da seguridade dos mercados
A Consellería de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe o traballo da Xunta de Galicia que nesta lexislatura ten reforzado a protección dos dereitos do consumidor e os labores de control da seguridade dos mercados, no acto institucional para conmemorar o Día Mundial dos Dereitos dos Consumidores.
O conselleiro salientou o labor do Instituto Galego de Consumo en defensa dos consumidores galegos que presta servizos de asesoramento, formación e protección, nos que cómpre salientar a posta en marcha de iniciativas como o deseño da nova Lei galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias. Esta norma, actualmente en trámite parlamentar, permitirá aos consumidores o exercicio efectivo dos seus dereitos, elevando o seu nivel de protección.
Ademais, no que se refire ao servizos de asesoramento Javier Guerra destacou que desde o ano 2009, o Instituto Galego de Consumo asesorou a máis de 120.000 consumidores galegos e atendeu preto de 63.000 reclamacións.
A defensa dos consumidores afectados polas preferentes unha prioridade Guerra subliñou que neste labor a defensa dos consumidores galegos afectados pola emisión das participacións preferentes e a aposta da Xunta pola simplificación e clarificación da factura eléctrica son dúas apostas claves da Consellería de Economía e Industria.
O conselleiro apuntou que, nestes momentos, unha das prioridades do IGC é apoiar aos consumidores afectados pola adquisición de participacións preferentes, de xeito que se está a desenvolver un traballo continuo de información, asesoramento e tramitación das reclamacións; á vez que se reforzou a formación de especialistas en consumo, neste caso concreto, para garantir a prestación do mellor servizo informativo ao dispor dos consumidores afectados.
O titular de Economía e Industria adiantou tamén que se están a celebrar reunións coa Fiscalía, as asociacións de consumidores e NGB para avanzar na solución deste asunto que afecta a miles de galegos, ademais de sinalar que se proporá a vía extraxudicial da arbitraxe para resolver con maior axilidade os conflitos xurdidos coa emisión deste produto financeiro.
Factura eléctrica única e sinxela Por outra banda, Javier Guerra destacou que o sector de telecomunicacións e o enerxético constituíron máis do 50% das reclamacións dos consumidores galegos. O titular de Economía e Industria lembrou o especial esforzo da Xunta para mellorar a protección dos consumidores no eido da subministración e a tarificación de enerxía eléctrica, xa que “ante a falta de resposta do anterior Goberno central, Galicia liderou” diferentes iniciativas e propostas de cambio.
Dende a Consellería de Economía e Industria, defendeuse a eliminación das facturas por estimación e lecturas non reais, unha proposta que será acollida polo actual Goberno de España. Guerra engadiu que a Xunta tamén presentou un modelo de factura única, en consenso co resto de autonomías, “para unha maior transparencia e comprensión do consumidor”.
Guerra apuntou tamén que se está a traballar para que o Goberno central estableza a obriga de que as empresas dispoñan dun sistema de reclamacións e resolución das mesmas, áxil, sinxelo e eficaz, previo á súa remisión ás autoridades de consumo e que se realice, en colaboración coas CCAA e as asociacións de consumidores, unha campaña informativa, que explique o proceso de liberalización.