O proxecto piloto "Mar Achega" continuará mañá, mércores e pasado mañá, xoves, en Cambados coa visita de asociacións de Melide, A Estrada, Ourense e Ribadavia para coñecer o sistema de extracción e primeira venda dos produtos de pesca artesanal. O obxectivo desta iniciativa é a valorización dos produtos do mar e a potenciación do seu consumo.
A primeira das visitas en Cambados realizarana mañá os membros da Asociación Amas de Casa de Melide e da Asociación A Estrada, de A Estrada. Grazas a "Mar Achega", 50 persoas destas asociacións poderán coñecer de primeira man o traballo das mariscadoras na zona de marisqueo e percorrerán o casco antigo de Cambados para afondar na tradición mariñeira deste concello. A continuación asistirán a unha degustación de produtos da pesca artesanal e a unha poxa na lonxa e Cambados. Tamén se achegarán ata o Porto de Tragove, onde verán o traballo das redeiras, os almacéns dos armadores, a fábrica de xeo e coñecerán diferentes tipos de embarcacións. A visita rematará nas instalacións dunha depuradora local para explicarlles o proceso de depuración dos moluscos bivalvos e as obrigas de etiquetado nos produtos.
O xoves serán as asociacións Montealegre, de Ourense e Acur, de Ribadavia as que visiten Cambados para familiarizarse cos produtos pesqueiros e cos controis hixiénico-sanitarios coa finalidade de ensinarlles un sistema de comercialización que garanta todos os requisitos. Para iso realizarán o mesmo percorrido que as asociacións de Melide e A Estrada.
A Consellería do Mar, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, organizará en total de 10 visitas a 7 portos da comunidade nas que participarán 50 persoas en cada unha. En total, beneficiaranse do programa "Mar achega" 500 persoas pertencentes a asociacións de consumidores do interior de Galicia. As actividades programadas variarán en función da localidade na que se desenvolvan, pero sempre inclúen a asistencia a unha poxa, a visita a puntos de extracción e depuración así como a degustacións de produtos á par que se difunde o patrimonio marítimo pesqueiro da zona de destino.