O proxecto piloto pretende potenciar o consumo dos produtos do mar frescos entre as persoas do interior
Os membros das asociacións tamén descubrirán a primeira venda de peixe na lonxa e os controis hixiénico-sanitarios que teñen que pasar os produtos para o consumo
En total beneficiaranse deste proxecto máis de 500 persoas pertencentes a asociacións de consumidores do interior de Galicia
Santiago, 25 de Outubro de 2009.-

O proxecto piloto "Mar Achega", promovido pola Consellería do Mar en colaboración co Instituto Galego de Consumo, chega a Cariño coa visita das asociacións lucenses Monterroso e San Tirso de Palas de Rei. O obxectivo desta iniciativa é difundir o sistema extractivo dos produtos mariños e potenciar o seu consumo entre a xente do interior de Galicia.

O itinerario comezará coa visita á conserveira artesanal ?La Pureza? para coñecer o seu traballo. Posteriormente os membros das asociacións desprazaranse ata a lonxa para participar no obradoiro e degustación de produtos da pesca artesanal. Continuarán o roteiro no porto, onde verán os almacéns dos armadores, a fábrica de xeo e coñecerán as características das diferentes embarcacións da zona. Por último, as 50 persoas que realizarán a visita, asistirán á poxa da lonxa para coñecer o proceso de venda de peixe.

A seguinte visita de Mar Achega será o martes 27 de outubro en Vigo para as Asociacións Montealegre de Ourense e Acur de Ribadavia. Alí familiarizaranse cos produtos pesqueiros e cos controis hixiénico-sanitarios que teñen que pasar os produtos para o seu consumo. Deste xeito coñecerán un sistema de comercialización que garanta todos os requisitos.

A Consellería do Mar, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, organizará en total de 10 visitas a 7 portos da comunidade nas que participarán 50 persoas en cada unha. En total, beneficiaranse do programa "Mar achega" 500 persoas pertencentes a asociacións de consumidores do interior de Galicia. As actividades programadas variarán en función da localidade na que se desenvolvan, pero sempre inclúen a asistencia a unha poxa, a visita a puntos de extracción e depuración así como a degustacións de produtos á par que se difunde o patrimonio marítimo pesqueiro da zona de destino.

Temática:
Outros