Os alumnos e alumnas dos centros educativos participaron en varios obradoiros sobre o consumo responsable nas compras de Nadal
Santiago de Compostela, 15 de Novembro de 2019.-

  

A Escola Galega do Consumo, do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), desprazouse hoxe ata Ourense para desenvolver varios obradoiros sobre consumo responsable no CEIP As Mercedes e no Colexio Maristas. As actividades estaban encadradas dentro do programa formativo estacional InfoNadal Consumo, que promove a reflexión sobre os hábitos de consumo e fomenta o consumo responsable ante as compras do período de Nadal.  No CEIP As Mercedes participou todo o alumnado de educación infantil e educación primaria, coas actividades “Pido, pido...con sentido!”, para os nenos e nenas de 3 a 7 anos, e “Publicidade e agasallos, que pido este ano?”, para as rapazas e rapaces de entre 8 e 12. No Colexio Maristas, os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria participaron en “Publicidade e agasallos, que pido este ano”.                                                                                                                                                                    

No período de Nadal aumenta o nivel de consumo con motivo das celebracións propias destas datas e da compra de agasallos. Para promover a reflexión sobre os hábitos de consumo e fomentar un consumo responsable, a Escola Galega do Consumo ofrece cada ano o  programa InfoNadal Consumo, que abrangue tanto actuacións formativas, que se desenvolven en asociacións e centros escolares, como unha campaña de seguridade de xoguetes e produtos de decoración. Debido á grande acollida que recibiu esta edición do programa, que leva por lema: "Este Nadal, menos é mais. Por un consumo responsable", adiantouse o seu comezo á semana pasada e xa son máis de 3.700 as persoas inscritas para participar nas actividades, que se desenvolverán ata finais de decembro.

Pódese obter máis información sobre InfoNadal Consumo na seguinte ligazón:   https://consumo.xunta.gal/gl/formacion/actividades/infonadalconsumo

Nesta ligazón pódese descargar o folleto informativo do programa: https://consumo.xunta.gal/sites/default/files/public/actividade/doc/1572...

Para formular calquera dúbida ou cuestión, pódese tamén contactar coa Escola Galega do Consumo nos seus teléfonos 881 999 075 e 881 999 091 ou a través do correo electrónico igc.escuela@xunta.es

Temática:
Outros