A iniciativa, que aspira a chegar a máis de 30.000 consumidores, permitirá desenvolver 600 actuacións de formación e información beneficiando a 50 concellos e outras 50 entidades galega.
A web do Instituto Galego de Consumo conta desde hoxe cun simulador eléctrico que permite aos usuarios obter información sobre os elementos da factura eléctrica e adaptala á mellor solución posible para o seu caso concreto.
No que levamos de ano, o IGC tramitou 3.300 reclamacións no eido da enerxía eléctrica, cifra que resalta a necesidade dunha campaña que non só aclara a compresión da factura senón que tamén achega vías de solución ás reclamacións.
Conde destaca o papel do IGC na resolución extraxudicial de conflitos, logrando que preto do 75% das reclamacións presentadas en 2012 no eido da enerxía eléctrica se resolvesen de xeito favorable ao consumidor.
A Coruña, 13 de Decembro de 2013.-

O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe, na sede da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Brétema, a nova campaña do Instituto Galego de Consumo (IGC), Dálle luz á túa factura, unha iniciativa coa que Goberno galego persegue “facer máis compresible a factura da luz” resolvendo as dúbidas do consumidor e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético. 

Neste sentido, Conde, que estivo acompañado pola delegada da Xunta, Belén do Campo, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, sinalou que no 2012 o IGC tramitou preto de 3.200 reclamacións no eido da enerxía eléctrica, cifra que alcanza as 3.300 nos once primeiros meses deste ano. Estes datos, explicou, poñen de relevo a necesidade dunha campaña de formación, sensibilización e divulgación entre os consumidores galegos que non só aclara a compresión da factura eléctrica, senón que tamén facilita a contratación do servizo de subministro eléctrico e achega ao cidadán as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. 

Para acadar estes obxectivos, a páxina web do IGC –igc.xunta.es- conta desde hoxe cun simulador eléctrico que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo. 

No conxunto da campaña, e como subliñou o conselleiro de Economía e Industria, desenvolveranse máis de 600 actuacións que beneficiarán a medio cento de concellos galegos e a 50 entidades que inclúen ás asociacións de consumidores. A todos eles facilitaráselles formación para o seu persoal co obxectivo de que poidan levar a cabo o programa no seu ámbito de actuación. Así mesmo, a través da Escola Galega de Consumo realizaranse obradoiros prácticos para usuarios de asociacións de persoas maiores ou con discapacidade, ao tempo que se incluirá Dálle luz á túa factura na programación anual da rede de centros para a modernización e innovación tecnolóxica da AMTEGA. 

“En total, esperamos chegar a máis de 30.000 consumidores, 15.000 de forma presencial e 15.000 a través da páxina web do Instituto”, sinalou Conde, quen resaltou a importancia dunha iniciativa que permite avanzar a través da formación e da información na protección efectiva dos dereitos dos consumidores e usuarios. 

Neste eido, Conde resaltou o importante labor que desempeñan as asociacións de consumidores e usuarios, e enfatizou o papel de persoas como Rosa Otero, presidenta da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios. Así mesmo, explicou o titular de Economía e Industria, ten unha “importancia fundamental” o traballo que desenvolve o Instituto Galego de Consumo na resolución extraxudicial de conflitos. A través da mediación da arbitraxe, o IGC ten logrado ata o de agora que preto do 75% das reclamacións presentadas en 2012 no eido da enerxía eléctrica se resolvesen a de xeito favorable ao consumidor. 

Temática:
SubministrosElectricidade